
O Náutico de Boiro – Marina Cabo de Cruz contará cunha nova sede gracias a un convenio asinado co Concello de Boiro para o cofinanciamento das actuacións. O alcalde, José Ramón Romero, e o presidente do Náutico, Manuel Fajardo, asinaron un convenio por importe de 125.000 euros para acometer as obras.
As actuacións que se van levar a cabo contemplan a construción dunha instalación destinada a albergar as instalacións do Club Náutico e que estará situada no porto deportivo de Cabo de Cruz, no lugar que ocupa a actual sede.
Trátase dunha edificación illada, con fachada principal orientada so norte e cunha planta baixa que estará destinada a local social, vestiarios, oficina de vixilancia e escola de submarinismo.
“Queremos potenciar o turismo náutico xa que é un dos principais atractivos do noso municipio e estas instalacións van supoñer un escaparate turístico para Boiro”, recoñeceu o alcalde.
A instalación contará cunha terraza orientada ao sur con acceso exterior.
Ademais do propio inmoble, realizarase unha zona de aparcamento e acceso rodado a todo o recinto. “Necesitamos unha instalación acorde ás necesidades actuais do Náutico para poder prestar os mellores servizos e tamén que sexa un lugar de referencia para Cabo de Cruz e Boiro”, afirmou o presidente do
Club Náutico.
Mediante o convenio asinado, o Náutico de Boiro pon a disposición do Concello o uso de dúas prazas de amarre para o servizo de salvamento marítimo ou Protección Civil segundo necesidade; uso dun local para os servizos de salvamento e Protección Civil; ou cesión de uso das instalacións e servizos para as escolas deportivas municipais de vela.



