Un grupo de alumnas e alumnos do IES Praia Barraña de Boiro presentou este 9 de febreiro os detalles do proxecto Improving your town, elaborado como parte dunha unidade didáctica de Lingua Inglesa e que incluíu enquisas e peticións efectuadas nas aulas para mellorar o concello e a vila boirense. A información resultante foi achegada este 8 de febreiro á concelleira de Educación, María Outeiral.

A unidade didáctica elaborouse no marco do Obxectivo de Desenvolvemento Sustentábel nº11 (Cidades e comunidades sustentábeis). O proxecto consistiu en facer unha análise e unha votación das principais necesidades que, ao seu xuízo, ten o municipio.
Airam Ces, Nelly González, Manuel González e Leire Rodríguez foron os alumnos que, acompañados da mestra Pury Vez, amosaron á concelleira os resultados do proxecto. Entre as demandas transmitidas atópanse a instalación de máis farois nas rúas, melloras en instalacións deportivas, máis espazos de lecer cubertos…
A concelleira de Educación agradeceu o seu traballo e tomou nota das peticións formuladas. “O punto de vista e as demandas da mocidade son moi importantes xa que eles son o futuro do municipio”, afirmou María Outeiral.



