O Concello de Boiro, mediante a Concellería de Educación, desenvolve aulas de educación secundaria para persoas adultas. A concelleira de Educación, María Outeiral, acompañou este luns 6 de febreiro ao profesorado no inicio das aulas do segundo cuadrimestre do curso 2022-2023.

Segundo informou a edil, estas ensinanzas están destinadas a persoas maiores de 18 anos que non posúan o título da ESO e ofrecen a posibilidade de “adquirir, actualizar ou complementar os coñecementos e aptitudes do alumnado para o seu desenvolvemento persoal e profesional”. Ente os obxectivos específicos das aulas están os de “adquirir ou actualizar a formación básica, mellorar a cualificación profesional, adquirir novos conceptos, técnicas e habilidades para unha adaptación ao mundo laboral actual”.
Os cursos son cuadrimestrais e as aulas desenvólvense de luns a xoves en horario de 20.00 a 22.00 horas na Casa da Cultura de Boiro co obxectivo de que sexan compatibles coa vida laboral. Ofértanse un total de 50 prazas divididas en catro módulos, podéndose realizar dous módulos en cada curso escolar. Cada un dos módulos consta de diversos ámbitos como son o científico-tecnolóxico (matemáticas, bioloxía e física); ámbito lingüístico (galego, castelán, inglés ou francés) e o ámbito social.
As inscricións para participar nas aulas de educación para persoas adultas e toda a información sobre o curso pode consultarse na Casa da Cultura de Boiro.



