Este venres 13 de xaneiro o escritor e filósofo compostelán Ignacio Castro estivo novamente en Boiro para presentar a súa nova contribución literaria, realmente unha obra xa coñecida polos lectores: a reedición de Mil días en la montaña (Roxe de Sebes), que, como indica no seu título, documenta o tempo que Castro pasou lonxe da civilización, en pleno retiro, para atopar no máis recóndito dos cumios, abas e vales do Courel, os camiños que lle permitirían volver ao mundo (e levar con el, para sempre, as vivencias rexistradas entre o bosque, a neve e a súa cabana).

Acompañárono na presentación celebrada no Centro Social boirense Gonzalo Trasbach, xornalista local (e amigo persoal do escritor), Manolo López Outeiral, profesor de Lingua e Literatura Inglesa, David Souto, profesor de Lingua e Literatura Española, José Ramón Romero García, alcalde de Boiro, e María Outeiral, concelleira de Cultura.
Ignacio Castro Rey é doutor en Filosofía pola Universidade Autónoma de Madrid, crítico de cinema e arte, xestor cultural e profesor. Ademais de ser autor de múltiples artigos e conferencias e profesor convidado en distintas universidades, Castro Rey publicou diversos libros, o último deles chámase Lluvia Oblicua (Ed. Pre-Textos 2020), precedido de Mil días en la montaña (Ed. FronteraD, 2019). A súa anterior obra, Sexo y silencio, foi presentada recentemente en Boiro como un libro radicalmente libre e a contrapelo do novo puritanismo imperante. Trátase, sinalouse daquela, dunha aventura pola reflexión arredor do sexo con evidentes semellanzas co pulo vital que o levou a vivir un inverno no Courel, nunha cabana de miúdas dimensións e sen máis compaña que algúns libros, a neve e as montañas.

Ficha de Mil días en la montaña
Hai xa bastantes anos, Ignacio Castro Rey retirouse ao Courel para tentar converter en mundo un temor atávico, primixenio. Quixo despois, na crónica daqueles mil días da que agora se ofrece a segunda edición, dar forma filosófica ao fío dese soño e preparalo para subsistir, aínda que xamais se cumprise. Como seguir sendo idealista, mesmo romántico, e ao mesmo tempo participar nun universo social onde a revolución víñase mostrando imposíbel? O escenario onde se mantivo esta pregunta foi unha casa branca, gris e azul cravada entre montañas de herba. Esa cabana de pedra e madeira converteuse no lugar senlleiro para desatar a madeixa do presente e ensaiar outra vez unha orientación na manchea de de recordos, imaxes e ecos dispersos que viñan de atrás. Mil días na montaña foi o epicentro dunha temíbel calma que permitiu atravesar o crebacabezas do vivido.



