
José Antonio Pérez Sieira repite, tal e como se agardaba, na presidencia da Federación Galega de Confrarías de Pescadores. Estarán con el, á fronte do órgano reitor desta entidade en calidade de vicepresidente primeiro, o patrón maior de San Cibrao, Javier Sánchez e, como vicepresidente segundo, o patrón maior de Raxó, Iago Tomé.
Deste xeito remata o proceso electoral celebrado no seo das confrarías de pescadores galegas que o martes, 10 de xaneiro, retoman a andaina particular en 62 pósitos cos seus respectivos patróns e vicepatróns maiores, ao igual que acontece en dúas presidencias das tres federacións provinciais e os seus órganos reitores.
Pendente de elección queda dous vogais da confraría de Baiona, para o que o día 21 de se realizar
An as correspondentes votación. Os elixidos pasarán a se integrar na xunta xeral da entidade e serán os encargados de designar os novos órganos reitores do pósito pontevedrés.
Non se presenta un panorama doado de dirixir. As últimas decisións adoptadas a respecto de especies como o xurelo, a sardiña e a xarda non son, nen moito menos, favorables para o desenvolvemento da actividade dos pósitos e os seus órganos reitores. Non resulta moi grato o desempeño das responsabilidades que agora se asumen, cando o que se baralla no seo das confrarías é o ser ou non ser de armadores e tripulantes de barcos de baixura para os que pintan bastos por decisión da Comisión de Pesca da UE e un certo ollar de esguello tanto da Administración central coma da autonómica que, ao meu xuizo, non fixeron -ou non souberon facer- todo o que podían a prol dun sector que malia os beneficios que da a Galicia (e complementariamente a España) o eurocomisario de Pesca da UE, o lituano Sinkevicius, tenta afundir polas boas, polas malas ou pola regra de tres que el mesmo compón na súa proxección ou concepción do que ven ser a pesca de baixura (qwue ignora).
José Antoniop Párez Sieira, presidente da Federación Galega de Confrarías, repite no cargo e repite como patrón maior de Ribeira. Por riba da súa responsabilidade só está o patrón maior da confraría de Burela, que segue a ser o presidente da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores. Xunto cos presidentes das tres federacións provinciais de Galicia teñen diante de sí unha dura tarefa: a primeira, convencer á Xunta de Galicia da súa responsabilidade na defensa da pesca, sector que da sentido económico e social a un dos piares desta comunidade autónoma como se evidencia na aportación que fai ao PIB da mesma. Deben incidir unha e outra vez na necesidade de obviar ese certo desleixo que se percibe no Executivo galego, especialmente na relación (¿?) que este mantén co Goberno central ao que debe guiar polo trillado camiño comunitario que encara actuacións que nunca están na vía de dar solucións aos problemas que afectan a milleiros de homes e mulleres galegos que teñen no mar unha explicación ao seu ser e que este pouco ten que ver con San Caetano, con Madrid e con Bruxelas por máis que nestes tres referentes está a pervivencia de postos de traballo e subministración á poboación de elementos indispensables para a súa alimentación.
Aguilloar a Madrid para que o “boi” da UE encare solucións e deixe de poñer paus nas rodas do carro de progreso que para Galicia significa manter o seu status de rexión pesqueira máis importante de da Unión Europea.-



