
Dende sempre manteño unha mística admiración polo fotoxornalismo, esa imprescindible póla da información que esculpe fielmente a realidade no entreacto da noticia e a estética.
Cada vez que observo nun xornal a foto dun neno nun ecosistema de guerra, a miña primeira e aséptica reacción é pasar rapidamente a páxina. Con todo, e dende hai tempo, impóñome como imperativo, cando menos estético, manter a vista cravada nos ollos desa criatura ata que me lacere a conciencia. Estamos tan asolagados e anestesiados polo aluvión de glucémicas e instagrámicas imaxes que probablemente naveguemos cara a un divorcio entre as instantáneas xornalísticas tomadas na mesma boca das traxedias e as humanas e humanitarias emocións que nos deberan producir.
Serguéi Kravtsov, ministro de Educación nese cortijo no que Vladímir Putin converteu Rusia, vén de anunciar a aprobación para o próximo curso escolar 2023/24 dunha disciplina digna dunha novela de Lovecraft: Preparación para a guerra. Os contidos curriculares producen arrepío: fomento do orgullo nacional, conceptos básicos de seguridade, nocións de combate… En definitiva, eufemismos de saber lanzar granadas, disparar un Kaláshnikov… e matar.
Como docente síntome orgulloso deses milleiros de colegas rusos que xa anunciaron, cunha coraxe incrible, que o patriotismo non significa insuflar belicosa e servil pedagoxía gobernamental. Ante estas esperadas insubmisións, o cuco Goberno anunciou outro logro: a contratación de moreas de militares convertidos, ipso facto, en docentes especializados na materia.
Mergulleime infrutuosamente na internet para tentar atopar o currículo escolar dos que elaboraron a proposta sospeitando que saben de memoria o Libro III do Epitoma rei militaris do escritor latino Vegecio; mesmo presinto que na sala de estar das súas casas locen fachendosos un cadro bordado en punto de cruz coa máis famosa máxima do libro: Si vis pacem, para bellum (Se desexas a paz, prepárate para a guerra).
Acotío repito que me gustaría saber rezar. Rezar para que nunca chegue a ver publicada nun xornal a mirada dun rapaz ruso mentres apaga para sempre o brillo da ollada dun neno ucraíno. E moito menos armado cunha Parabellum.



