Dende este luns 19 de decembro e baixo o lema solidario O mellor do Nadal é compartilo, un lema que nos convida a pensar nas necesidades dos demais nestas datas sinaladas, a Asociación LOA e o Concello de Porto do Son impulsaron novamente a Tenda Solidaria LOA, na que canalizar o importante espírito humanitario da veciñanza sonense.
Trátase de que “agasallemos cariño en forma de solidariedade, mercando unha fermosa artesanía local feita con todo o mimo polas nosas veciñas da Asociación LOA”, explican dende as dúas entidades. O horario é de luns a venres até o 30 de decembro, en horario de 11:00h a 14:00h e de 16:30h a 19:00h. Poderemos mercar un amplo abano de produtos: toallas, manteis, panos de cociña, babeiros ou bufandas, entre outras moitas prendas elaboradas con diferentes técnicas artesanais e creativas.




