O sábado 17 de decembro, ás 20.00 horas, terá lugar na Sala Arcos Moldes do Auditorio de Rianxo o Festival de Nadal da Asociación Fogo Fatuo. Colaboran na organización deste evento o Concello e máis a Deputación da Coruña.
A reserva de entradas (de balde) pode facerse o día de celebración ás 19.30 horas.

Será novamente unha cita para recuperar, con bailes galegos, panxoliñas e traxes tradicionais, un xeito propiamente noso de celebrar o Nadal. A asociación rianxeira Fogo Fatuo porá en xogo a súa longa bagaxe interpretativa e formativa (con cursos e obradoiros para veciñas e veciños de todas as idades) en baile e instrumentos tradicionais galegos.
A asociación leva a cabo diferentes actividades de lecer e culturais en Rianxo tales coma os festivais de nadal e de verán e máis o Serán do Patrocinio no Campo de San Xosé en Rianxiño.



