O Trail de Lousame 2022 presentou novos percorridos, incluído un treito polo novo sendeiro do río San Xusto

09 Novembro 2022

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde presentou este 9 de novembro os detalles das tres actividades deportivo-solidarias impulsadas polo Concello para as vindeiras semanas, unha tripa convocatoria que xa ten abertas as inscricións en www.emesports.es e que se vai materializar no Pequetrail (sábado 3 de decembro), o Trail de Lousame 2022 (domingo 11 de decembro) e a Andaina Solidaria / Belén de Cumes (sábado 17 de decembro). Na presentación desta cita en tres modalidades, celebrada na Casa da Cultura lousamiá, a rexedora dixo que se trata “dunha actividade integradora, adaptada ao noso territorio e froito do traballo e a colaboración de moitas persoas dos distintos departamentos municipais, do voluntariado de Lousame e das empresas que nos patrocinan”.

Tras desexar que o tempo acompañe, Villaverde País fixo un chamamento á participación en todas as probas, facendo fincapé no aspecto solidario que teñen as tres xa que durante a inscrición permiten doar 1 euro a prol da Obra Social de Pediatría do CHUS. “É só un café menos, pero achegar ese euro fará moito ben á investigación e ás actividades deses rapaces beneficiarios da Obra Social de Pediatría do CHUS e que precisan da nosa axuda”, apuntou a alcaldesa.

Monte virxe

Teresa Villaverde estivo acompañada polo xerente de EME Sports, Ezequiel Mosquera; o vicepresidente da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH), Eduardo Agraso; os técnicos de Deportes e Voluntariado do Concello de Lousame, Germán Romero e José Manuel Outeiral; así como pola concelleira de Xuventude, Silvia Agrafojo.

Ezequiel Mosquera destacou que “Lousame é perfecto para organizar probas coma este trail, con tanto monte para desfrutar” e convidou aos seareiros deste deporte a “coñecer ese tesouro que temos en Lousame, onde poder correr por lugares case virxes e que teñen ese punto máxico que tanto fai desfrutar á xente”. Un punto co que coincidiu Teresa Villaverde, lembrando que “hai un par de anos unha das gañadoras dixera que fora algo case bucólico, e iso é o que pretendemos que sintan todas as persoas que se anoten na proba”. De feito, o Concello de Lousame ampliou ata as 600 o número de prazas dispoñíbeis para o Trail Longo e para o Trail Curto, que terán lugar durante a mañá do domingo 11 de decembro.

Germán Romero foi o encargado de presentar as novidades das dúas modalidades do trail, “marcados polo alto da Aguieira e polo Monte Culou”, salientou. O Trail Longo terá unha lonxitude de 25,8 km, cun nivel de dificultade medio alto e cun desnivel acumulado aproximado de 1.115 metros de desnivel positivo e de 1.119 metros de desnivel negativo. A saída será ás 10:00 horas e contarán con tres avituallamentos. Pola súa banda, o Trail Curto contará cunha distancia de 16,8 km, cun nivel de dificultade medio-baixo e cun desnivel acumulado aproximado de 642 metros de desnivel positivo e de 643 metros de desnivel negativo. A saída terá lugar ás 11:00 horas e contará con dous avituallamentos.

As dúas modalidades terán saída e meta no Polideportivo Municipal Pilar Barreiro Senra (A Silva), polo que compartirán inicio e final de proba. Así, todas as persoas participantes deberán afrontar nada máis saír un duro ascenso ao alto da Aguieira, dende onde chegarán á Ponte Gaiteira, “un dos recunchos naturais máis icónicos de Lousame”, segundo salientaron na presentación. Aló os atletas do Trail Longo continuarán ata a ponte vella e ascenderán ao Monte Culou, “cunha rápida baixada ata a fervenza do río San Xusto pola marxe esquerda, quizais o punto de maior dificultade de todo o trail e que non se fixo ata o de agora”, advirte Germán Romero. Despois, o trazado continúa pola ruta do río Vilacoba ata o sendeiro do río Pesqueira e o polideportivo da Silva.

Pola súa banda, os corredores do Trail Curto virarán dende Ponte Gaiteira cara Lesende, pasando polas antigas fábricas de papel de Soutorredondo, Fontán e Brandia, dende onde collerán camiño ao polideportivo municipal.

O Concello de Lousame entregará premios aos tres primeiros clasificados nas categorías masculina e feminina do Trail Curto e do Trail Longo, así como premios especiais aos atletas máis veterano/a e ao club con maior número de participantes. Como novidade, este ano tamén haberá premio para o primeiro lousamián e lousamiá clasificados en ambos os dous trails. A entrega de premios terá lugar no Polideportivo Pilar Barreiro Senra a iso das 14:00 horas. O Concello terá habilitadas varias zonas de aparcamento, próximas ao lugar da proba e debidamente sinalizadas, e ofrecerá servizo gratuíto de duchas e de gardarroupa.

O Trail de Lousame está organizado polo Concello de Lousame, en colaboración con Autos Comparado, AlquiNoia, Fermín Simal SL, NutriSport, Gadis, Hoka One One e Mobe. Así mesmo, conta co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte, a Deputación da Coruña, a Xefatura Provincial de Tráfico, Protección Civil de Lousame, Cruz Vermella de Noia e da rede de voluntariado local de Lousame.

Pequetrail

Unha semana antes, o sábado 3 de novembro, será a quenda dos atletas máis novos, nados entre os anos 2005 e 2017. Neste caso, a inscrición é totalmente de balde, cun límite de cen participantes. A proba desenvolverase na contorna do Polideportivo Municipal Pilar Barreiro Senra sobre unhas distancias e cun percorrido adaptado ás idades dos nenos e nenas participantes.

A proba desenvolverase o sábado 3 de novembro en horario de tarde. Os primeiros en saír serán os cadetes e xuvenís (atletas nados entre os anos 2005 e 2008) que percorrerán uns 7 km. Os alevíns e infantís (nados entre 2009 e 2012) cubrirán unha distancia de 2 km; mentres cos Benxamíns (de 2013 a 2017) afrontarán uns 500 metros. O Concello de Lousame entregará medallas a todos os participantes, así como agasallos sorpresa ao rematar cada unha das probas.

Andaina Solidaria / Belén de Cumes

Finalmente, a Andaina Solidaria e Belén de Cumes celebrarase o sábado 17 de decembro, con saída ás 10:00 horas da praza do Concello de Lousame e chegada ao mosteiro de Toxosoutos ás 13:00 horas, onde as persoas camiñantes serán recibidas con panxoliñas e chocolate con churros. Eduardo Agraso explica que “será unha andaina para todos os públicos, onde baixamos os quilómetros para que se poidan apuntar tanto familias como persoas de maior idade. Buscamos facilitar a participación e para iso tamén escollemos unha contorna tan fermosa como a de San Xusto de Toxosoutos”.

O vicepresidente de ASGPOH animou á participación na andaina solidaria ou a doar dende a Fila 0 en www.emesports.es, recordando que “dende a asociación temos achegado xa máis de 179.000 euros á Obra Social de Pediatría do CHUS, tanto para materiais para a escola como para investigación. Con accións coma esta andaina, este ano queremos superar os 200.000 euros”.

A andaina, de 10 km, mestura este ano dous eventos tradicionais en Lousame: a andaina solidaria de fin de ano coa tradición de montar o Belén de Cumes, un típico Nacemento con figuras de gran tamaño que cada ano se adoita montar nunha igrexa e que queda aló para a súa contemplación pola veciñanza desa parroquia durante o Nadal.

Finalmente, Xosé Manuel Outeiral adiantou que o servizo municipal de Voluntariado mobilizará a unhas sesenta persoas para estes eventos, un labor que foi salientado por todos os presentes e sen cuxa colaboración non se podería celebrar ningún destes tres eventos. Un agradecemento que fixeron extensivo aos integrantes de Protección Civil de Lousame e da Cruz Vermella de Noia.

Outros artigos

Cáritas Diocesana aproba as contas do ano 2023 cun saldo positivo

Socios, achegas, donativos e colectas sitúanse no primeiro lugar dos ingresos cun 33%. Cáritas Diocesana de Santiago obtivo un resultado positivo de 533.476 euros, segundo o exercicio económico do ano 2023 aprobado durante un Consello que presidiu o arcebispo de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Rebélate, pois, se tés vontade. Fala, sente”. Antón Luaces

“Rebélate, pois, se tés vontade. Fala, sente”. Antón Luaces

A frase non é -que máis quixera!- da miña autoría. Pertence ao escritor monfortino Lois Diéguez, quen na contracuberta da súa obra "As voces amadas" (publicada o ano pasado) dí: "... eu non son así, eu non son un móbil nin máquina ningunha. Rebélate, pois, se tes...

“25 abril medio siglo de historia II”. Manuel Dominguez

“25 abril medio siglo de historia II”. Manuel Dominguez

El sol acaricia suavemente los cristales de la ventana, las cortinas dejan pasar un hermoso rayo de luz, llego la hora. La plaza del comercio, donde se celebrarán los actos conmemorativos, allí haciendo las líneas de un cuadrado el pueblo portugués espera, espera para...