Tres lavadoiros de Ribeira e O Son servirán de escenario a un audiovisual que reivindicará o traballo das mulleres na historia

26 Outubro 2022

As contornas de tres lavadoiros de Ribeira e Porto do Son achegarán escenarios ao proxecto audiovisual Lavadoiro, impulsado por Ana Amado, arquitecta e fotógrafa galega residente en Madrid. A través de Lavadoiro darase como resultado unha curtametraxe dirixida por outro creador da nosa terra: o director Lois Patiño.

O Lavadoiro de Artes

Esta iniciativa busca” facer unha reflexión activa e multidisciplinar sobre o patrimonio inmaterial dos lavadoiros e a figura da muller, quedando rexistrado nunha peza audiovisual que mostre e reivindique o traballo relacionado co doméstico da muller ao longo da súa vida”.

O material resultante proponse como elemento diferenciador para mostrar en festivais, congresos, exposicións, bienais, etc…

A rodaxe da curta, que se desenvolverá nos lavadoiros de Artes e A Pinisqueira (Aguiño), ambos en Ribeira, e o de San Tomei en Porto do Son, producirase a finais de outubro, durante os días 28, 29 e 30. Participarán na rodaxe 11 mulleres locais.

O Lavadoiro de Santomé, en Porto do Son

O proxecto conta co apoio dunha subvención da Deputación da Coruña e a colaboración dos Concellos de Ribeira e Porto do Son, ademais do apoio de personalidades como o arquitecto Carlos Seoane, autor da restauración do Lavadoiro de Artes, ou o arquitecto inglés David Chipperfield, afincado en Corrubedo.

Ana Amado tamén salienta a “enorme axuda que particulares en Ribeira e Porto do Son e entidades locais como a Comunidade de Montes de Baroña en asuntos como a loxística, permisos, montaxes de escenografía, etc, facilitándonos o contacto coas mulleres locais usuarias de lavadoiros, que nos están achegando testemuños valiosísimos que é absolutamente necesario rescatar do esquecemento”.

O Lavadoiro de Pinisqueira, en Aguiño

Así explica a maiores Ana Amado este traballo previo de campo: “Ao longo destes meses de desenvolvemento do proxecto e investigación previa, descubrín que non hai moito escrito sobre o tema dos lavadoiros, non só como elementos arquitectónicos singulares e de valor patrimonial senón como artefactos ligados ao traballo da muller, e tamén como lugares de reunión, privados e exclusivos, das mulleres, onde ademais de lavar a roupa da familia falaban, discutían, e apoiábanse unhas a outras. Espero que o noso proxecto axude a visibilizar o esquecido e non recoñecido valor do traballo doméstico das mulleres baixo a mirada única e máxica de Lois Patiño, autor de películas como Lúa Vermella ou Costa da Morte, que, sen dúbida, saberá enxalzar tamén as singulares características paisaxísticas e os valores culturais, etnográficos e patrimoniais das tres localizacións elixidas para a curtametraxe”.

É importante ademais destacar que tanto a autora do proxecto, como os seus protagonistas, e gran parte do equipo técnico e humano, son mulleres.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.