Boiro vai acoller este venres 5 de agosto un concerto de primeira liña musical: a actuación do gran referente actual da música tradicional galega electrónica, Baiuca, proxecto liderado dende Catoira por Alejandro Guillán. A cita será este venres ás 22.30 horas no recentemente remodelado e restaurado Pazo de Goiáns. Organiza o Concello de Boiro. A entrada será de balde até completar aforo.
Baiuca é como dixemos o proxecto do músico galego Alejandro Guillán Castaño, interesado en renovar en atopar novas canles expresivas e novas audiencias para a música tradicional galega. Baiuca ten o seu xermolo en 2017, momento no que Guillán deixou atrás o estilo musical pop para innovar coa mestura de música electrónica e música tradicional galega, resultando un estilo que seareiros e críticos dan en chamar folktrónica.




