O Concello de Boiro está a executar as obras para a mellora da eficiencia enerxética do CEIP Santa María do Castro. As actuacións, dun importe de 114.925,80 euros, están financiadas mediante o Plan Único Concellos (POS 2021) da Deputación da Coruña. O proxecto, arestora en desenvolvemento, pretende o illamento térmico exterior ao edificio principal do centro educativo. O sistema que se está a empregar é de illamento mediante STAE, composto por placas de polistireno, e con estas actuacións “vaise lograr unha mellora da eficiencia enerxética, eliminar pontes térmicos e humidades por condensación e colonización de fungos e obter unhas axeitadas condicións de confort interior e salubridade do centro de ensino”, sinalou o Concello.
Para a colocación do sistema de illamento, logo da limpeza das fachadas, realizáronse reparacións puntuais das gretas e fallas de material producidas pola oxidación do aceiro da estrutura. Neste momento estase a traballar xa no illamento das distintas fachadas do centro, nas que se leva a cabo o sistema STAE, engadiron fontes do Consistorio.

“Gracias a esta obra imos lograr mellorar de xeito notorio a eficiencia enerxética do centro, que na actualidade se clasifica como moi deficiente e pasará a unha situación de eficiencia media-baixa”, afirmou o alcalde, José Ramón Romero.




