O Concello de Boiro recibiu da Consellería de Medio Ambiente unha subvención para o desenvolvemento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal. As actuacións están co-financiadas polo fondo europeo relativo ao mecanismo de recuperación e resiliencia da UE (NextGenerationUE). O obxectivo será materializar o programa do departamento de Medio Ambiente nomeado Reciclaxe en movemento. A través del vanse adquirir dous puntos limpos móbiles que percorrerán o municipio ao longo do ano.

Con esta iniciativa o que se busca é “achegar o Punto Limpo que o Concello de Boiro ten en Espiñeira a todas as veciñas e veciños do municipio para fomentar a correcta reciclaxe de residuos evitando os desprazamentos”, explico o concelleiro de Medio Ambiente, Raúl Treus, engadindo que “o vindeiro ano pretendemos adquirir outros dous puntos limpos móbiles para seguir ampliando a frecuencia do servizo en todos os núcleos de poboación”.
Os equipamentos itinerantes que se pretenden adquirir van contar con sete bocas de residuos, entre elas para a recollida de lámpadas e fluorescentes; téxtil e roupa; xoguetes e outros plásticos que non poden ir ao contedor amarelo, pilas e baterías; elementos plásticos e perigosos. Ao longo do ano está previsto que os puntos limpos móbiles percorran preto de 30 núcleos, os de maior poboación, das distintas parroquias do municipio.
“Seguimos a traballar en materia medioambiental con accións directas como esta, pero tamén de xeito transversal nas distintas accións e iniciativas que se levan a cabo dende o Concello”, afirmou o alcalde, José Ramón Romero.



