Titiriberia comezou este domingo en Rianxo co pasarrúas ‘A festa dos títeres’, espectáculo de produción propia do festival xunto a Viravolta Títeres e a agrupación Vai de Roda

23 Xullo 2022

O Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, festival de Títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo, da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, arrinca mañá domingo co espectáculo A festa dos títeres, produción propia do festival xunto a histórica compañía Viravolta Títeres e a agrupación Vai de Roda. Trátase dun pasarrúas que dará comezo ás 12.30 horas no Auditorio de Rianxo. Dende alí, percorrerá as rúas da localidade trazando un itinerario que subirá primeiro á zona da Martela, onde se fará parada con bailes nos xardíns, para despois continuar
cara á praza de Castelao e cara ao paseo da Ribeira. Finalmente, a ruada retornará ao propio Auditorio, espazo que en caso de choiva acollerá o conxunto do espectáculo.
Con esta peza de animación dos espazos públicos, Titiriberia ofrece un adianto das actividades que se desenvolverán durante o festival. N’A festa dos títeres conflúen a charanga da Asociación Vai de Roda e os cabezudos tradicionais tanto de Rianxo coma de Viravolta, compañía galega que celebra en Titiriberia o seu 40º aniversario. O festival recupera así a tradición dos desfiles para reivindicar o formato escénico tradicional dos cabezudos, unha variedade máis de monicreques que aínda agarda polo seu xusto recoñecemento.
Este será o inicio dun Festival Titiriberia que na súa sétima edición traerá a Rianxo a máis de trinta compañías, formacións e artistas do teatro de títeres tradicionais para ofrecer os seus espectáculos, participar nas mesas redondas, impartir os cursos de formación a profesionais ou acompañar a cativada nos obradoiros de construción de bonecos que se insiren no programa dos Campamentos de conciliación do Concello de Rianxo. Este ano, o encontro rianxeiro recupera tras dous anos de crise sanitaria a súa dimensión internacional ao contar coa participación de artistas e investigadoras procedentes de México, Italia e Portugal.
Programa do martes
Tras o festivo do 25 de xullo, o programa de Titiriberia regresará o martes 26 cun novo espectáculo de Viravolta Títeres. A compañía representará na praza Rafael Dieste o seu espectáculo Vida, crimes e prisión de Toribio de Mañón. Nesta peza, retrátanse as andainas que lle deron sona a Mamede Casanova co sobrenome de Toribio de Mañón, famoso bandoleiro galego de comezos do século XX. Na historia deste personaxe inspirouse Valle-Inclán para escribir Las galas del difunto. Tras a función, a compañía manterá un encontro co público.
Xusto unha hora antes, no mesmo espazo, ás 19.00 h. o investigador José Luís do Pico Orjais ofrecerá unha conferencia que, baixo o título de A viaxe de Toribio: de Mañón a Rianxo?, versará sobre esta figura histórica que deveu en lenda que acabou por protagonizar unha cantiga popular e por darlle nome ao meco que protagoniza o Entroido local. Programa completo no web: www.tititiriberia.com

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Un jarro de agua fría” – Manuel Domínguez

“Un jarro de agua fría” – Manuel Domínguez

La pregunta me cayó como un jarro de agua fría. ¿Mamá tú también te vas a morir? El abuelito, para él era dios, era todo, era su mejor juguete, le adoraba, pero un día el abuelo marchó, ya nunca más jugarían juntos. La pérdida era dolorosa, y si perdiese a su mama,...

“Pasaba por aquí, da man de Tanxugueiras” – Antón Luaces

“Pasaba por aquí, da man de Tanxugueiras” – Antón Luaces

Hei confesar -e confeso- que o canto do grupo galego Tanxugueiras ten para min, que gozo coas boas voces no eido musical, un atractivo moi especial. Particularmente a canción titulada "Pasaba por aquí", interpretada en castelán, que non é propia delas senón de Luis...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.