A exposición Albino Fernández 1921-2021, un pormenorizado achegamento ao legado deste senlleiro artista de orixe galega, vai ser inaugurada este xoves, 14 de xullo, ás 20:00 h, no Museo do Mar de Galicia en Vigo.
Contarase coa presenza do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez González, e da directora do Museo do Mar, Marta Lucio.

A mostra vén da man do Museo do Gravado (Artes, Ribeira) e o Museo do Mar, co patrocinio da Xunta e do Concello de Ribeira.
A exposición concíbese como unha homenaxe ao artista Albino Fernández, considerado unha figura fundamental do gravado arxentino no século XX. Nado en Cuba, fillo de galegos, formouse en Bos Aires na Academia Nacional de Belas Artes, onde tivo como profesores a sobranceiros artistas como Antonio Berni ou Lino Enea Spilimbergo.
Con esta exposición dos fondos pertencentes aos herdeiros de Albino e grazas a súa colaboración, Galicia poderá descubrir a obra dun artista que, en palabras do crítico Rafael Squirru, “procede da estirpe que partiu de Galicia para nos dar aos americanos o seu talento e a súa enerxía”.



