Os socialistas de Ribeira, a través do seu concelleiro-portavoz José Manuel Vilas, presentaron unha proposición para ser debatida en pleno referente á parroquia de Castiñeiras e o seu rueiro (conformado polas rúas do Mar, Alto da Fonte, Porto Novo e a rúa da Volta), que, segundo sinala a agrupación, precisan dun impulso en mobilidade, seguridade viaria e ordenamento.

O PSOE de Ribeira di que as vías públicas mencionadas “carecen de beiras de protección para os residentes ou usuarios, en todo o seu recorrido e lonxitude”. Ademais, engaden, “o dobre sentido de circulación dificulta a harmonía entre o peón-vehículo, cun ancho variábel das vías, dun promedio de 2,60 metros e con vivendas lindando coa vía pública”. Os socialistas tamén fan saber que o estacionamento nas vías citadas “imposibilita a normal circulación de ambulancias, cousa que é precisa tendo en conta que na rúa Alto da Fonte hai enfermos crónicos, ou dos camións de reparto de mercancías”. O grupo tamén critica a a existencia de postes do tendido eléctrico nas confluencias das vías, dificultando sobre maneira a manobra de xiro dos vehículos, por exemplo na rúa da Volta, onde non se permite a saída de vehículos á rúa Porto Novo, “creando moitas dificultades aos condutores inadvertidos”.

Para a agrupación está claro que “a zona sufre os problemas comúns das zonas urbanas: conxestión do tráfico rodado, contaminación, perda de identidade dos barrios históricos, diminución de produtividade, ruído, problemas de seguridade viaria, entre outros”. Ademais, din, “esta trama urbana está desatendida por parte da Administración local, cunha descompesación no destino do espacio público”. Para os socialistas, “urxe a compostura do tráfico, a redución da velocidade coa colocación de sinais de tráfico horizontais e/ou verticais, e a creación de espazos con preferencia para as persoas; e, en definitiva, a mellora da seguridade viaria, destacando a mobilidade da veciñanza.
En virtude de todo o exposto, o Grupo Municipal Socialista PsdeG-PSOE, insta ao pleno da Corporación de Ribeira á adopción dos seguintes acordos:
1.- “Que se proceda a realizar un estudio de ordenación, regulamento e humanización das rúas do Mar, Alto da Fonte, Porto Novo, e rúa da Volta, por parte da delegación correspondente, co obxecto de habilitar una zona harmonizada, mellorando o espazo urbano dotándoa de mobilidade e accesibilidade peonil, coherente coa planificación urbana da cidade”.
2.- “Que dito estudo sexa verificado e considerado pola Mesa de Mobilidade do Concello de Ribeira”.
3.- “Que se realicen os acordos necesarios e as obras axeitadas para facilitar a humanización do rueiro”.



