O domingo 17 de xullo celebrouse na nosa comarca un evento de gran importancia relixiosa, cultural, histórica e turística: a edición XXXVI do remonte anual marítimo fluvial conmemorativo da Traslatio Apostolica, que partiu do peirao de Rianxo .
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, asistiron esta tarde aos actos do XXXVI remonte anual marítimo fluvial conmemorativo da “Traslatio Apostólica.
Nava Castro sinalou que Galicia é un destino inigualable para o desfrute do mar a través dos diferentes deportes náuticos, resaltando as instalacións de vangarda que sobresaen tanto en cantidade coma en calidade na nosa comunidade, con 11 portos deportivos que contan con bandeira azul e 15 coa Q de calidade.
Así mesmo, Castro fixo fincapé na aposta da Xunta de Galicia pola potenciación e reforzamento do turismo nacuático mediante o Plan Estratéxico Galicia Destino Seguro, favorecendo o aproveitamento por parte da nosa comunidade deste recurso. Nava Castro explicou que o plan baséase na oferta turística, nos recursos endóxenos e na articulación dun turismo multiexperiencial con produtos como o turismo náutico para captar novos mercados e desestacionalizar a demanda, poñendo como exemplo esta ruta da
Traslatio.
“Dende a Xunta de Galicia seguiremos apostando pola calidade e potenciando aquilo que nos fai especiais porque, deste xeito, conseguiremos ofrecer experiencias que soamente se poidan gozar aquí, na nosa comunidade”, concluíu Nava Castro.

A Conmemoración da Traslatio foi presentada os días pasados polo alcalde Adolfo Muíños e por Javier Sánchez Agostino, presidente da Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa Ulla. A cita foi no salón de plenos do Consistorio rianxeiro. Muíños e Sanchez confirmaron que o remonte da ría de Arousa e o Ulla desenvolverase o vindeiro 17 de xullo desde Rianxo e que un catamarán do Concello, con saída ás 17.15 (con prazas de balde dispoñíbeis con inscrición previa en Turismo) levará os participantes até Padrón, para regresar sobre as 19.30 h. “Queremos lembrar deste xeito a tradición xacobea da chegada do corpo do Apóstolo Santiago a Compostela desde Palestina nunha barca de pedra”, sinalaron.




