Con motivo das Festas do Verán de Boiro 2022 o Concello de Boiro organizou un dispositivo especial de limpeza no que traballaron un total de 25 persoas durante todos os festexos. Os servizos de recollida contabilizaron un total de 156 toneladas de lixo recollidos durante a semana de celebracións, entre o venres e este xoves, fronte ás 125 que se recollen nunha semana normal.

As brigadas municipais ocupáronse da limpeza a pe das rúas do núcleo urbano así como o reforzo da recollida de lixo cos camións. “Reestruturamos o persoal durante estes días para poder centrar os esforzos na limpeza e recollida de lixo no menor tempo posíbel”, afirmou o concelleiro delegado dos servizos Marcos Fajardo.
Este venres 8 de xullo pola mañá realizáronse baldeos e desinfección con disolución de cloro e desengraxantes nas rúas céntricas e máis concorridas, poñendo o foco “naquelas zonas de postos de alimentación para a retirada de residuos unha vez se desmontaron as atraccións e postos das festas”.
Amais, nas proximidades das zonas de maior presenza de xente había instalados contedores de lixo extra para a recollida de residuos. “A afluencia foi moi grande durante todos estes días e xeráronse moitos residuos. Aínda que se mellorou moito é importante seguir traballando na concienciación e no compromiso da cidadanía”, recoñeceu o alcalde, José Ramón Romero.



