Este domingo o Auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal acolleu a presentación dunha nova agrupación política no concello: Veciñxs Independentes da Pobra, VIP polas súas siglas. O seu presidente Eloy Sobrido Garcia explicou que “o novo partido nace ca intención de ofrecer unha alternativa á política local”, pois a seu xuízo “as cousas do día a día do concello da Pobra do Caramiñal débense e pódense facer mellor”.

Tamén detallou que o partido leva funcionando dende o ano 2020, aínda que non o deron a coñecer antes “ata telo ben estruturado a nivel interno”, e que durante estes dous ano e a través da súa persoa levan presentando diferentes solicitudes e iniciativas, así coma, escritos a Valedora do Pobo.
Para finalizar animou á veciñanza da Pobra a visitar a web da nova agrupación política e máis as redes sociais da nova formación.
No acto tamén participaron, arroupando a Eloy Sobrido, a secretaria xeral Myriam García Fontao e máis as vocais María del Carmen Mariño Boo, Myriam Jessica Mariño Boo e Mar Pérez Regades.



