O Club Náutico Arousa Norte (A Pobra do Caramiñal), co patrocinio das firmas pobrenses Atlantic Dental Institute e Clínica Gonzalo López e coa colaboración de Muport, dará un ano máis a saída a un clásico da vela pesada galega: a mítica Volta a Ons. Sairá da baía do Caramiñal o sábado ás 11:30 h, cunha frota disposta para gozar de 35 millas de navegación polo corazón da ria de Arousa e circunnavegación das illas de Ons e Onza.

Das 4 xornadas que consta a Copa Galicia de Cruceiros, esta será a terceira, despois da disputa das
Regatas Almirante Rodríguez Toubes e O Gran Trofeo Faro de Corrubedo. O líder provisional é o RCN de Portosín, pero, segundo apuntan dende o Club Arousa Norte, clubs con embarcacións moi potentes apertan desde segunda liña e non se desbota que os líderes perdan esa condición despois dunha regata na que participarán embarcacións de varias entidades involucradas na disputa.
Entre os inscritos e favoritos ao triunfo final destacan embarcacións cun amplo palmarés ás súas costas, e varias destas son do club anfitrión. Destacan na grella de saída os vencedores da recente regata FRINSA, o vigués Bonn III, de Victor Carrión que levou o triunfo na clase Regata, o pobrense José Manuel Pombar, que tentará encher de puntos a mochila do Club Náutico Arousa Norte para a disputa da Copa Galicia, que foi vencedor na clase Cruceiro-Regata, ou o Orlando, que venceu na clase Cruceiro e representa ao Ro Yacht Club. Salientan tamén entre os inscritos o ribeirense Moucho, o Chispetren do club organizador, que despois dunha boa tempada de inverno está agora en pleno cambio de configuración de velame, ou o Ziralla, de Ramón Barreiro, que volve ás regatas despois dun inverno no que non participou asiduamente nas probas da ría.
“Este ano e esta edición da Volta a Ons”, informan dende o Club Náutico Arousa Norte, “vai ser sen lugar a dúbida moi especial tanto para nós, o club organizador, como para moitos dos participantes, xa que coincidirá co Memorial Rocío Betanzos Santamaría, en recordo da nosa compañeira, impulsora e incansábel traballadora na organización de regatas e na náutica recreativa desde o Club Náutico Caramiñal durante máis de 20 anos”. Por este motivo gardarase, antes da saída, un minuto de silencio en memoria de Rocío Betanzos Santamaría.



