A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña celebrará a partir do mércores un xuízo por estafa na xestión dunha comunidade de montes en Boiro. Para a acusada, pide cinco anos de cárcere, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e recolle Fiscalía no seu escrito de cualificación.
A xulgada foi traballadora social no Concello de Boiro e o seu pai foi tesoureiro dunha comunidade de montes veciñais neste municipio e, polos coñecementos administrativos e económicos da muller, os comuneiros delegaron nela a xestión económica, o que lle permitiu, engade Fiscalía, estar en posesión do caderno bancario.
“A acusada, con ánimo de ilícito beneficio, cobrou por caixa no seu propio beneficio, entre os anos 2005 e 2014, ambos inclusive, 151.154 euros realizando retiradas en efectivo de cantidades redondas chegando a superar, no devandito período, 200 retiradas”. “Tales retiradas eran de 100, 150, 600 ou 300 euros”, sinala o Ministerio Público sobre uns feitos que non foron descubertos ata que asumiu a presidencia outra persoa.
A Fiscalía solicita que se lle impoña unha pena de cinco anos de prisión, ademais do abono da indemnización, cos correspondentes intereses, pola cantidade que, presuntamente, obtivo desta maneira.




