O Concello de Boiro desenvolve, no marco do programa “O bosque da familia e a memoria”, unhas xornadas de herboloxía que teñen como obxectivo ofrecer actividades para o coñecemento e recolección de plantas mediciñais. O alcalde, José Ramón Romero, e o concelleiro de Servicios Sociais, Raúl Treus,
asistiron no Centro Social de Escarabote á primeira sesión das xornadas.
O programa está formado por dúas actividades, unha delas que tivo lugar o pasado sábado día 18 para dar a coñecer as herbas de San Xoán e a tradición das augas, e outra delas que se divide en tres sesións e que busca difundir o coñecemento sobre as plantas tradicionais mediciñais galegas e o seu uso terapéutico. “A actividade sobre as herbas de San Xoán foi un éxito, nela participaron persoas de distintas idades que compartiron o seu coñecemento”, afirmou o concelleiro.
As xornadas de herboloxía que comezaron hoxe e nas que participan unha trintena de persoas vanse desenvolver en tres sesións en sábados alternos. Na primeira das xornadas realizouse unha presentación das plantas que teñen un uso terapéutico e na próxima realizarase unha saída de campo para a súa recolección.
O Concello de Boiro aposta por levar a cabo actividades pensadas para os mais maiores e que se adaptan a todos os públicos e asisten persoas de todas as idades. “É marabilloso ver como os mais maiores e os mais mozos comparten coñecementos e saberes”, recoñeceu o alcalde.




