O marisqueo de Muros e Noia pide formalmente entrar no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia

11 Marzo 2022

Na mañá deste 11 de marzo o salón de plenos do Consistorio de Muros acolleu a sinatura oficial e institucional da solicitude para inscribir o marisqueo da Ría de Muros-Noia no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. Trátase do primeiro trámite formal necesario para conseguir o obxectivo final da declaración da cultura do marisqueo da Ría de Muros-Noia como Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO.

O acordo foi asinado polos alcaldes dos Concellos de Muros, Inés Monteagudo; Noia, Santiago Freire; Porto do Son, José Luis Oujo; e Outes, Manuel González; así como polos patróns maiores das confrarías de Muros, Daniel Formoso; Noia, Santiago Cruz; Portosín, Isaac Gaciño; e Porto do Son, Emilio Queiruga. Ademais destas entidades, a iniciativa conta tamén co apoio do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Fisterra Ría de Muros-Noia: Costa Sostible. Grazas a esta sinatura, desígnase á Confraría de Pescadores de Noia como interlocutora e entidade responsábel para tramitar esta solicitude e asinar os acordos que correspondan.

A alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, asegurou que “isto é algo moi importante, é un punto de inflexión no futuro do marisqueo e na riqueza da nosa ría. É un recoñecemento a un traballo que se fai dende tempos inmemoriais ata hoxe e, tamén, unha posta en valor da riqueza da ría a e o labor das nosas mulleres”. Amais, lembrou o encontro entre mariscadoras galegas e chilenas celebrado o pasado mes de decembro nese mesmo salón de plenos e no que “comprobamos que compartimos as mesmas formas de traballar e que ata as problemáticas son as mesmas a pesar de estar tan lonxe”.

Pola súa banda, o patrón maior de Muros, Daniel Formoso, destacou “a importancia deste acto polo que suporía a declaración de Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO porque a Ría de Muros e Noia non se entendería sen o marisqueo”. Así mesmo, indicou que hai que “involucrar ás novas xeracións porque antes ninguén quería ir mariscar, pero hoxe en día vese que se pode vivir disto”. Un punto no que incidiu o patrón maior de Porto do Son, Emilio Queiruga, lembrando que as campañas “antes duraban un mes” pero que agora “son 2.000 postos directos”. Para Queiruga, esta declaración por parte da UNESCO suporía “dar un valor ao noso marisco, ao berberecho de Noia, que é ou mellor do mundo e así hai que transmitilo fóra dás nosas fronteiras. Isto daríalle valor, beneficiaría á ría e crearía postos de traballo”.

Libro de apoio á candidatura

Antes da sinatura formal do documento, a antropóloga Guadalupe Jiménez Esquinas, profesora titular da Universidade de Santiago de Compostela, presentou a monografía Cultura do marisqueo na Ría de Muros Noia, cuxa edición foi financiada polas Confrarías de Pescadores de Porto do Son e de Muros a través do GALP Costa Sostible, a Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Guadalupe Jiménez explicou que a declaración de Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO sostense sobre tres alicerces: que o patrimonio non é só o físico, senón tamén os costumes; que eses usos ou costumes teñen que ter como protagonistas ás persoas; e que deben contar cun compoñente social como o respecto aos dereitos básicos ou o compromiso coa igualdade. “O marisqueo da ría está comprometido coa sustentabilidade pois son estas profesionais quen se encargan de que a ría se manteña nas mellores condicións”, apuntou Jiménez Esquinas, quen puxo tamén en valor que “esta profesión é un referente na loita polos dereitos da muller”, tanto en Galicia como en Chile, país co que se tramitará unha candidatura conxunta ante a UNESCO.

Para demostrar como o marisqueo está presente na cultura da zona, Guadalupe Jiménez indicou que “o tempo mídese en campañas, o marisqueo dá nome a moitos lugares e até o día enténdese en mareas”.

Unha vez asinada a solicitude formal de inscrición do Marisqueo da Ría de Muros Noia no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, o seguinte paso será presentar devandito acordo e material complementario ante a Xunta de Galicia, algo que terá lugar este mesmo mes de marzo. No intre en que se consiga a categoría de Patrimonio Cultural de Galicia o seguinte paso será elevar a petición ao Ministerio de Cultura para que faga o propio ante a UNESCO.

Outros artigos

“La tiranía de no intentarlo”. José Antonio Constenla

Tras el varapalo del último informe PISA, que sitúa a los alumnos españolespor debajo de la media de los países miembros de la OCDE en matemáticas,lectura y ciencias, lo que muestra un importante retroceso respecto a losniveles de hace una década, alguien debería...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.