Boiro contará cun parque infantil cuberto na praza de Galicia

12 Setembro 2019

20190912 A máis recente sesión plenaria do Concello de Boiro achegounos novidades importantes en materia urbanística e de espazos de lecer. Por exemplo, a relativa a unha das demandas máis reiteradas pola cidadanía ao longo dos últimos anos e que ten que ver coa dispoñibilidade de espazos ao aire libre para as familias: a solicitude, que vén de lonxe, dun parque infantil cuberto para facer fronte ás inclemencias do tempo en inverno (as longas tempadas de chuvia que non deixan marxe para estaren os nenos fóra das súas casas e dos colexios) e máis en verán (o sol impide tamén as estadías máis ou menos longas no exterior). No pleno de setembro celebrado este día 11 acordouse converter en realidade esta petición.

Segundo afirmou o portavoz do goberno municipal e concelleiro de Urbanismo, Luis Ruiz, “con este proxecto comezamos a cumprir o programa electoral de todas as forzas políticas”.

O Concello fixo saber que a obra materializarase grazas a unha subvención da Deputación da Coruña, con emprazamento na praza de Galicia por “ser o máis céntrico e o máis utilizado”. En palabras do Goberno local, “consideramos que e unha obra moi necesaria e de moita utilidade, xa que, amais de achegar cobertura para o parque infantil, ocuparase un espazo de 700 metros cadrados, acubillando tamén a parada do autobús e o acceso ao estacionamento de vehículos e baños públicos dende a praza”.

Por outra banda, na sesión plenaria a moción presentada polo BNG en canto “ao arranxo, mellora e mantemento das áreas de estacionamento das autocaravanas no termo municipal” non foi aprobada por estar o equipo de Goberno en desacordo con algunhas das medidas que se pedían. Porén, tivéronse en conta as propostas para optimizar as áreas de lecer dos vehículos-vivenda.

O BNG presentou tamén unha moción de urxencia relativa a celebración de actos polo medio ambiente que foi aprobada por unanimidade.

O pleno do mes de setembro do Concello de Boiro foi retransmitido por primeira vez vía streaming e case sesenta persoas seguiron a sesión plenaria. O alcalde, José Ramón Romero, afirmou que “estamos moi contentos cos resultados e agardamos poder seguir chegando á xente nas súas casas a través destas retransmisións en directo para que calquera poida estar ao tanto da actualidade do municipio”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“25 abril III. Santarém”. Manuel Dominguez

“25 abril III. Santarém”. Manuel Dominguez

Saímos de Lisboa e rumamos para o berço, a fonte, onde o destino fez chegar aqui onde a memória está presente. “Meus senhores, como todos sabemos, existem diferentes tipos de Estado. Os estados socialistas, os estados capitalistas e o estado a que nos referimos....