Malia que non puido acceder ao podio, ao quedar en cuarto lugar na proba final dos Xogos de Toquio, o regatista Iago López Marra (Portosín, 1990) foi arroupado a milleiros de quilómetros de distancia polos seus paisanos, “unha verdadeira familia”, que seguiron a proba medalleira dende o salón do Real Club Náutico Portosín e lle mandaron unha mensaxe colectiva de ánimo malia “as millas náuticas” que os separaban.

A quedada celebrouse o 3 de agosto a primeira hora da mañá, pese a estar prevista inicialmente para o día 2 e ter sido cancelada por falta de vento. Formaron parte da xuntanza no salón do club os socios e directivos da entidade, así como os membros da Corporación municipal, encabezada polo alcalde Luis Oujo, e o patrón maior e membros do Cabildo da Cofradia de Portosín. No espazo de reunión habilitouse un espazo no que ver a última e apaixonante parte da competición da clase 49er.
Na proba final, o regatista Iago López Marra e o seu equipo Botín & L Marra Sailing concorrían con serias opcións de formar parte do grupo de medallistas dos Xogos de Toquio. Con todo, e pese a chegar á Medal Race cos mellores agoiros e ocupando postos de podio, o equipo do regatista de Portosín acadou finalmente o cuarto posto.


