O Executivo de Ribeira fai balance da metade da lexislatura local. O 74% das propostas están feitas ou en marcha

16 Xuño 2021

O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, fixo balance este mediodía dos dous anos que se acaban de cumprir do mandato indicando que o 74% das 130 medidas propostas no seu programa de goberno están xa executadas ou en marcha, e iso a pesar da irrupción da COVID-19.

Neste senso, o rexedor explicou que a pandemia non está sendo obstáculo para o cumprimento do seu programa ata o punto de situar a Ribeira como “un dos concellos máis activos de Galicia, tal e como demostra”, dixo, “que por segundo semestre consecutivo estea entre os 5 primeiros con maior número de licitacións”.

Malia isto, o alcalde precisou que o máis destacado ata agora foi unha iniciativa que non estaba incluída no programa: o Plan Reactiva Ribeira, dotado de máis de dous millóns de euros para contrarrestar os efectos da pandemia. “Ribeira dou un exemplo entre todos os grupos que así o quixeron apoiar” —dixo—, pois o programa serviu para axudar aos sectores máis prexudicados ademais de implicar melloras noutros eidos como transparencia, Administración Electrónica ou formación online veciñal.

Nun rápido repaso Ruiz Rivas afirmou que Ribeira está no seu nivel máis baixo de débeda en toda a súa historia democrática (pouco máis dun 20%), que se seguiu rebaixando o imposto de circunvalación e que se incrementaron en máis de 20.000 as horas de prestación a persoas dependentes no domicilio.

Colaboración da Xunta

Especiais palabras dedicoulle Manuel Ruiz á Xunta, para á cal “Ribeira é un referente”, o que “se plasma en asuntos tan importantes como o cambio de actitude de Portos en torno á desafectación da fachada marítima ou en iniciativas como a variante, a ampliación de Urxencias, a previsible ampliación do propio Hospital, a inminente aprobación do plan reitor do Parque Natural, a posta en marcha dun Punto de Encontro Familiar, a obra das Carolinas, a construción dun módulo cuberto de atletismo e deportes de combate na Fieiteira, as axudas para o novo Auditorio e para a remodelación da UAD ou —coas achegas tamén da Fundación RIA——, os proxectos para a travesía e o paseo portuario que se van executar en Palmeira”, dixo, engadindo que “se ao devandito unimos que tamén está en marcha o proceso para que a traída da auga do Ulla poida aumentar o seu caudal podemos darnos conta da importancia que para un concello como o noso ten a Xunta de Galicia”, explicou.

Si confesou o rexedor que lle gustaría que certos trámites administrativos non foran tan longos (caso da urbanización do novo polígono industrial) e que non se produciran atrancos como os que provocaron o atraso da nova estación de autobuses (os traballos preparatorios comezarán a semana que vén).

Instalacións municipais

En canto a outras importantes instalacións municipais, sinalou que están en licitadas ou en obra a Casa da Xuventude, a UAD, a envolvente da antiga escola unitaria de Corrubedo, o Centro Social de Carreira e o novo Auditorio, e tamén se está traballando noutros proxectos como a renovación da envolvente do Conservatorio, a nova Biblioteca Municipal (comprouse o inmóbel xa e pedirase unha axuda ao IGVS para meter a obra no orzamento deste ano) e a sede do Club de Remo.

Tocante ao 24% de propostas restantes incluídas no seu programa preténdense acometer nestes dous anos, se ben admitiu que algunhas accións non poderán ver á luz durante este mandato, caso da construción dunha casa da auga en Bandourrío (proxecto ao que o seu grupo non renuncia), o aumento de saídas culturais (impedidas pola pandemia) ou a construción dun paseo marítimo en Castiñeiras (paralizado ata que se poida incluír no Plan Xeral).

“Somos optimistas en canto a que se vaian a levar a cabo non só 130 medidas senón moitísimas máis”, concluíu.

Outros artigos

A Garda Civil detén un veciño da Pobra acusado de tráfico de drogas

Axentes de paisano da Garda Civil de Boiro detiveron a un home no lugar da Pontenaveira, na parroquia pobrense de O Caramiñal, como investigado pola presunta comisión dun delito contra a saúde pública na modalidade de tráfico de drogas ou substancias que fan grave...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Si á prensa libre en España”. Antón Luaces

“Si á prensa libre en España”. Antón Luaces

O 8 de abril de 1966 entrou en vigor a Lei 14/1966, de 18 de marzo, de Prensa e Imprenta que o mundo do xornalismo da época coñeceu en España como "a Lei Fraga de liberdade de prensa". Non houbo tal: o 24 de setembro de 1973 -dous anos antes de que finara Francisco...