Patrimoniogalego.net celebrou os seus dez anos de andaina catalogando os bens dos nosos concellos (e denunciando os que están en risco)

18 Maio 2021

Estes días sumouse ás celebracións do 17 de maio unha iniciativa que foi posta en marcha en 2011 coincidindo de xeito significativo coa conmemoración do Día das Letras Galegas daquel ano. Trátase de Patrimoniogalego.net, o catálogo social en liña dos nosos tesouros histórico-artísticos dende o que se leva dez anos poñendo o foco na necesidade de coidar a nosa inxente riqueza patrimonial para que non esmoreza e chega ás novas xeracións nas mellores condicións (de aí a sección Lista Vermella, no que se fai fincapé nos elementos en risco). Dez anos despois, a que está considerada como “a Wikipedia do noso patrimonio cultural” vai camiño dos 12.000 bens inventariados por todo o país.

Patrimoniogalego.net conta a día de hoxe con monumentos catalogados en todos e cada un dos 313 concellos galegos, comezando polo municipio de Pontevedra, onde arredor de 350 pezas figuran recollidas neste inventario virtual pioneiro mesmo no ámbito internacional. Á cidade do Lérez séguelle moi de preto Vigo, cun terzo de milleiro de fichas no catálogo. A continuación veñen concellos de moito menor tamaño pero cun importante legado histórico ás súas costas, como Baños de Molgas (271), Ponteareas (194), Muros (185), Cerdedo-Cotobade (173), Cualedro (170), Monterrei (166), Oímbra (162), Santiago de Compostela (161), Tui (141), Oza-Cesuras (130), Verín (129), O Rosal (128), Vimianzo (128), Tomiño (126), Carnota (124), Ames (121), Brión (119) ou Ponte Caldelas (118).

No que atinxe á tipoloxía dos elementos inventariados, os responsábeis da web indican que a icona galega que encarna o cruceiro é o tipo de ben máis común no catálogo, con preto de 2.200 destes elementos rexistrados en Patrimoniogalego.net ao longo destes dez anos.

Séguenlles as igrexas, con máis de 1.700 fichas dedicadas aos templos, e mais os petróglifos, cun total de 1.100 mostras de arte rupestre fichadas. Figuran ademais preto de 850 castros, entroutros xacementos propios da Idade de Ferro.

120 bens na Lista Vermella

Entre os preto de 12.000 elementos culturais catalogados, case 120 figuran na Lista Vermella, “formada por aqueles bens que corran grave perigo, xa sexa de destrución, alteración ou desaparición”. A torre de Sobrada de Aguiar, en Outeiro de Rei, a capela da Virxe dos Milagres de Cortegada, en Vilagarcía de Arousa, o pazo de Bergazos, en Lalín, a reitoral de San Vicente de Coucieiro, en Paderne de Allariz, ou a fábrica de papel de Domingo Fontán, en Lousame, son algúns dos exemplos de bens que se encontran en perigo inminente.

Como dixemos, a principio, un dos principais obxectivos do catálogo en liña é, de feito, a posta en valor do patrimonio cultural, “co fin de que o seu coñecemento axude á súa preservación para as xeracións vindeiras”. Deste xeito, a Lista Vermella quere ser “unha chamada de atención ás administracións competentes para que actúen a tempo co fin de evitar a deterioración progresiva dun ben ata o punto de que haxa que lamentar a súa desaparición, como xa ten acontecido con varios elementos”. É o caso do cruceiro da Porteliña, en Ponteareas, que xa resultou “esnaquizado varias veces por mor do tránsito rodado da zona”.

Un catálogo social en liña aberto á cidadanía

Segundo informan os seus impulsores, un dos alicerces da web é “a figura do catalogador”. Así nolo explican: “Ao se tratar dun catálogo aberto, calquera cidadán pode rexistrarse e propoñer unha nova ficha dun ben cultural, a proposta pasa entón polo filtro do equipo de editores e no caso dos catalogadores máis experimentados, chamados sénior, a publicación no catálogo é directa”. Óscar Franco, Xosé Troiano e Elixio Vieites son os usuarios que máis bens rexistraron ao longo destes dez anos.

Outros artigos

“Plan de Rescate da Sanidade Pública Galega”. Xosé Mª Dios Diz

“As listas de agarda constitúen unha das formas máis sofisticadas de crueldade. Son producto dun Sistema que intentaatender a todos con recursos cos que so se pode atender a algúns”. Juan José Millás: escritor. Valencia. 1946.Esta reflexión nos indica que os...

+

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

Demasiada hipocrisía en materia de vivenda por parte de moito axentes políticos, sociais e empresariais. A vivenda continúa sendo un negocio e moi rendible para uns poucos propietarios sen escrúpulos, para os fondos voitre, grupos inmobiliarios e grandes propietarios,...

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos. Na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.