
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde de Outes, Francisco Calo, supervisaron hoxe a nova miniexcavadora de 3,5 toneladas adquirida polo Concello de Outes co apoio económico do Goberno galego de 30.000 euros e un orzamento total de 40.000 euros, a través do Fondo de Compensación Ambiental para 2026 da liña competitiva.
A maiores, Belén do Campo lembrou que o Concello tamén recibiu da Xunta unha achega de case 37.000 euros, ao abeiro da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, destinada á dotación de maquinaria para a protección do medio ambiente. Deste xeito, o apoio autonómico a Outes a través destas dúas liñas de axuda supera os 67.000 euros.
Durante a visita, Belén do Campo puxo en valor “a colaboración entre a Xunta e as entidades locais para impulsar actuacións que contribúan á protección do medio ambiente e á mellora dos servizos municipais”, dixo, ao tempo que destacou que a incorporación desta maquinaria permitirá ao Concello de Outes dispoñer de máis medios para realizar traballos de conservación e mantemento do territorio. En concreto, a nova miniexcavadora será empregada pola brigada municipal de obras e servizos en diferentes actuacións, entre as que se inclúen a limpeza e conservación de camiños e pistas municipais, a mellora das redes de saneamento e abastecemento de auga e o mantemento de zonas verdes e espazos naturais.
Unha parte importante destes traballos desenvolverase en áreas incluídas na Rede Natura 2000, “polo que a dispoñibilidade deste equipamento supón un reforzo dos medios municipais destinados á conservación dos espazos de especial valor ambiental”, sinalaron Belén do Campo e Francisco Calo, engadindo que a maquinaria tamén permitirá acometer pequenas obras de reparación e mantemento das infraestruturas municipais, así como colaborar nos traballos de substitución das antigas canalizacións de fibrocemento das redes de abastecemento e saneamento cando se produzan avarías.

Belén do Campo salientou que esta adquisición contribuirá tamén a mellorar a capacidade de resposta do Concello ante as necesidades de mantemento e conservación do territorio, ao tempo que permitirá optimizar os recursos públicos.
“A dispoñibilidade da máquina facilitará que estes traballos poidan ser realizados directamente pola brigada municipal, que conta con persoal cualificado para o seu manexo, reducindo así a necesidade de recorrer á contratación de empresas externas”, apuntou.
A miniexcavadora está equipada con cabina con aire acondicionado e tres cazos de diferentes dimensións, o que lle permitirá adaptarse a distintos tipos de traballos.
Belén do Campo explicou que o Fondo de Compensación Ambiental foi creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial. Conta con dúas liñas: unha non competitiva, dotada con 6 millóns de euros, dirixida aos concellos nos que haxa parques eólicos ou nos que haxa vías de evacuación e a competitiva destinada a todos os municipios e a mancomunidades ou consorcios locais de Galicia que contou con 3 millóns de euros para o conxunto de Galicia.
Na liña competitiva na provincia da Coruña foron beneficiados 23 concellos, ademais do Consorcio das Mariñas e da Mancomunidade de Concellos da comarca de Ferrol por un importe total de máis de 614.000 euros e na comarca do Barbanza 4 municipios, concretamente, Boiro, Lousame, Outes e Ribeira con axudas por un importe total de preto de 124.000 euros.
Na liña non competitiva a delegada lembrou que a Xunta de Galicia repartiu neste 2026 na provincia máis de 2,1 millóns de euros para 42 proxectos e na comarca de Barbanza recibiron estas achegas 10 concellos (Boiro, Carnota, Lousame, Mazaricos, Muros, Outes, Pobra Porto do Son, Rianxo e Ribeira) por un importe de máis de 528.000 euros.






