
O pleno municipal de Lousame, reunido na noite de onte na súa sesión ordinaria de novembro, aprobou por unanimidade destinar os 207.840 euros do POS Adicional 4 da Deputación da Coruña a investimentos financeiramente sostíbeis:
Unha aposta que inclúe catro actuacións:
-Mellora do viario de acceso ao Polideportivo Municipal Pilar Barreiro Senra (A Silva) por 31.000 euros.
-Mellora do viario de Vilacoba a Lesende, por 45.000 euros.
-Mellora do interior do núcleo de Pascual: 32.000 euros.
-Mellora dos accesos a Tállara: 99.000 euros.
O alcalde, Esteban Ares, explicou que “estamos ante actuacións moi demandadas e que beneficiarán a zonas de especial tránsito de persoas”. É o caso, dixo, da obra de mellora dos accesos a Tállara, entre a igrexa e a rampla de acceso ao Punto de Atención á Infancia (PAI), “que é utilizado a diario polas familias para levar e recoller os nenos e nenas”.
O PSOE destacou que “a maioría destas obras figuran tamén na relación de obras solicitadas polo grupo municipal” e cuestionou que “en obras como os accesos a Tállara non se chegue directamente ao PAI”, mentres que o BNG botou en falla a inclusión de proxectos de saneamento de aldeas.
O alcalde explicou que” o Concello ten interese en arranxar a pista de acceso do PAI pero que non se incluíu o último tramo debido a que o Concello aínda non dispón da titularidade de parte dos terreos”. E sobre a petición de obras de saneamento e doutras actuacións solicitadas polo PSOE, Esteban Ares respondeu: ”Hai que ser consciente do custe das cousas” e que “facemos as obras coas distintas subvencións”, mencionando que moitos proxectos presentados polos grupos da oposición superan o orzamento dispoñible no Plan Adicional.
100.000 euros para o colexio
Durante o debate deste punto, o alcalde de Lousame anunciou que a Xunta de Galicia vai investir 100.000 euros en melloras no CPI Cernadas de Castro, que é posíbel que se acometan o vindeiro mes de decembro. “Falan vostedes de que nos orzamentos de 2027 non figura ningunha partida para o colexio, pero un orzamento no é un dogma, pódese cambiar. E a proba é que nos orzamentos de 2026 tampouco había ningunha partida para o CPI Cernadas de Castro e este ano a Xunta xa ten contratados 100.000 euros en obras para ese colexio”.
Dúas achegas que permitirán acondicionar a pista de tenis e cambiar o peche que a rodea, así como aglomerar o patio exterior e canalizar as augas pluviais na contorna. Unhas actuacións que xa están adxudicadas en contratas a unha empresa, que se agarda que realice os traballos durante o Nadal.
O pleno arrincou coa lectura do manifesto institucional do 25N e coa aprobación por unanimidade da exención do 95% do IBI para aqueles inmóbeis nos que se realizan actividades agrogandeiras do sector primario.






