
Amicos, entidade inclusiva do Barbanza, converteuse nas últimas semanas nun espazo de encontro entre a política e a cidadanía. Representantes de case todos os grupos políticos que concorren ás eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro achegáronse ao seu Centro de Atención Integral en Boiro para presentar os seus programas electorais, explicar as súas propostas e, sobre todo, escoitar as preguntas e opinións das persoas con discapacidade intelectual que forman parte de Amicos.

A iniciativa, para a que foron convidadas todas as formacións políticas, enmárcase no proxecto Cidadanía Inclusiva: Impulsando institucións sólidas dende a discapacidade intelectual, co que a asociación traballa para que as persoas destes colectivos exerzan os seus dereitos como cidadás e conten coa información para participar de forma activa na vida pública. “Un obxectivo”, sinalaron dende Amicos, “que cobra especial relevancia nun período electoral, no que contar con información clara e comprensible resulta fundamental para poder escoller libremente”.

Os encontros permitiron que as persoas adultas que acoden ao Centro de Día e as residentes do Fogar Amicos coñecesen de primeira man as prioridades de cada candidatura. Asemade, tamén foi un espazo para preguntar, intercambiar opinións e trasladarlles aos representantes políticos cuestións que lles preocupan.
Esta rolda de encontros arrincou o 17 de novembro coa visita do PSOE-PSdG, seguido do PP o 18, Podemos e Vox o 20, e Frente Amplio o 26. A través destes encontros, Amicos buscou facilitar unha oportunidade real de participación, na que as persoas con discapacidade conten con ferramentas que lles faciliten comprender as alternativas, coñecer as propostas e ter a oportunidade de decidir por si mesmas.

Neste senso, Cidadanía Inclusiva é un proxecto que busca que as institucións, os servizos e os espazos comunitarios sexan máis accesíbeis, comprensíbeis e abertos á participación de tódalas persoas. Para iso, a iniciativa promove a formación en cidadanía e dereitos, o desenvolvemento do liderado persoal e a presenza activa das persoas con discapacidade intelectual nos espazos públicos e comunitarios.

A entidade aproveitou tamén estes encontros para trasladarlles ás formacións políticas as súas reivindicacións, moitas delas en liña coas sinaladas polo colectivo de persoas con discapacidade mediante Plena Inclusión, relacionadas coa inclusión e cos dereitos das persoas con discapacidade e das súas familias. Entre elas figuran a participación política en igualdade, o acceso á xustiza e á educación, o emprego digno, o reforzo da protección social e do sistema de dependencia, o acceso á vivenda e unha atención sanitaria accesíbel e centrada na persoa.

A estas demandas súmanse outras cuestións como o apoio ás familias, a protección da infancia e a adolescencia, a mellora das condicións laborais dos profesionais do sector da discapacidade e o impulso da innovación tecnolóxica aplicada aos coidados e á autonomía persoal.
Cidadanía Inclusiva é unha iniciativa impulsada por Amicos grazas ao Ministerio de Derechos Sociales, Consumo y Agenda 2030 da Dirección General de la Agenda 2030, do Goberno de España.






