- O sinistro produciuse arredor das oito da mañá deste xoves na parroquia de Goiáns
- Foi a propia persoa condutora do vehículo implicado quen deu a voz de alarma ao 112 Galicia

Unha persoa perdeu a vida este xoves tras ser atropelada por un turismo no concello coruñés de Porto do Son. O sinistro rexistrouse arredor das oito da mañá na estrada AC-550, á altura da parroquia de Goiáns.
Segundo informou o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, o aviso recibiuse poucos minutos despois das oito a través da chamada da propia persoa condutora implicada no accidente, quen xa advertiu da extrema gravidade da situación.
De inmediato, os xestores de emerxencias activaron un dispositivo no que participaron profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local, así como efectivos do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Noia.
Unha vez no punto do sinistro, os servizos sanitarios non puideron facer nada por salvar a vida da vítima e tan só puideron confirmar o seu falecemento no lugar.





