Pedro Blanco di que Galicia ten preparado o dispositivo para garantir o exercicio do dereito ao voto este domingo

24 Novembro 2026

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, presentou o material electoral que se empregará nas eleccións xerais do próximo domingo, 29 de novembro e destacou “o importante esforzo humano e loxístico despregado para garantir que a cidadanía poida exercer o seu dereito ao voto con todas as garantías”. No acto participaron tamén o secretario xeral da Delegación do Goberno, Alberto de la Fuente e a vicesecretaria xeral, Lucía Neira.

Pedro Blanco lembrou que máis de 2,7 millóns de galegos e galegas están chamados ás urnas, dos que preto de 76.000 poderán votar por primeira vez nunhas eleccións xerais. Para esta cita electoral habilitaranse máis de 2.300 locais electorais nos 313 concellos galegos, con case 4.000 mesas atendidas por máis de 11.700 persoas elixidas por sorteo, sinalou, engadindo que foron preparadas máis de 31 millóns de papeletas e máis de 7.800 urnas.

Entre as principais novidades deste proceso electoral, o delegado destacou a posibilidade de identificarse por primeira vez co DNI dixital, a través da aplicación MiDNI. Para facilitar este procedemento, cada mesa electoral contará cun dispositivo de lectura.

Pedro Blanco salientou tamén os avances en materia de accesibilidade. En Galicia recibíronse 350 solicitudes de voto accesíbel en braille e distribuiranse máis de 8.500 carteis de sinalización para facilitar a orientación das persoas con dificultades de comprensión.

Dispositivo humano e de seguridade

O delegado agradeceu o traballo que leva realizando desde hai semanas o persoal da Delegación do Goberno e das catro subdelegacións para que todo estea preparado de cara ao domingo. Durante a xornada electoral, sinalou, “máis de 2.500 representantes da Administración velarán polo normal desenvolvemento dos comicios, aos que se suma o persoal encargado de atender as posíbeis incidencias”.

Así mesmo, despregarase un dispositivo de seguridade integrado por preto de 7.700 efectivos da Policía Nacional, da Garda Civil e das policías locais.

O delegado subliñou que “o noso obxectivo é que o domingo todo funcione con normalidade, que cada persoa poida exercer o seu dereito ao voto con liberdade e que a xornada transcorra sen incidencias” e rematou animando a todos os galegos e galegas a participar nestas eleccións.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Eu son unha persoa seria, non coma outros” – Antón Luaces

“Eu son unha persoa seria, non coma outros” – Antón Luaces

A frase é do expresidente do Goberno socialista Felipe González Márquez. Rotundo, seguro, sabedor do que foi e do que é?. Pode que si.  Díxoo despois de que o expresidente do Congreso, José Bono, explicara nun mitin que non fixera o parvo, que a el o PSOE débelle...

“Alfredo Sánchez Carro”. Xulio Xiz

“Alfredo Sánchez Carro”. Xulio Xiz

Que dificil, Alfredo, ter as palabras xustas para despedirte.Pero como o teu eran as palabras e obras, e se as obras son amores, ás obras me vou a referir, para que os lucenses as recorden; para que os lucenses te recorden. El Progreso Lembras, Alfredo, - lembrabas, e...