
A COP31 (Conferencia da ONU sobre o cambio climático) celebrada en Turquía, non deu chegado a implementar os recortes urxentes das emisións que esixe a ciencia. As negociacións prolongáronse após unha acalorada discusión sobre si se debía ou non citar os combustibles fósiles no texto final.
No actual contexto de crise climática, a COP31 quedou curta: tentaba consolidar un cambio decisivo na negociación da aplicación real de medidas climáticas e nen sequera se acadou o recoñecemento das follas de ruta establecidas na anterior COP30 sobre combustibles fósiles e bosques. O foco centrouse nas tecnoloxías de captura de carbono, o que fixo que se desviara a atención á redución das emisións. Mesmo existen lagoas evidentes na transición para abandonar os combustibles fósiles, a redución de emisións, o afortalamento da resiliencia e a aplicación dun maior financiamento para os países do sur global.
Estas formulacións trouxéronme a relembranza dun tempo -anos 54, aproximadamente, do século pasado- nos que en Ribeira (como acontecía no resto de España) carecíase da menor preocupación polo que podería ser o uso de combustibles fósiles: poucos coches, menos barcos, contados camións, escasos autobuses (coa excepción dos da compañía Celta, que facía dúas viaxes diarias a Santiago e unha a Noia por estradas que obrigaban a un traqueteo insoportable e o traslado de equipaxes e paquetería ao teito dos “buses”, sempre baixo a atenta ollada de Julián Elorduy na miniestación do Celta situada a carón da pista de baile de Cambeiro).
Tempos nos que as carrulas -sempre pensei que eras as crías das gaivotas e, ao parecer, tratábase dunha especie distinta de gaivota que na actualidade non existe- sobrevoaban constantemente o espazo entre a Ínsua e as praias de Colomer e Pedra Pateira. Tempos asimesmo de anduriñas, que chegaban na primavera e desaparecían no outono: aniñaban no beirado de tellados e balcóns e pasaban coma frechas por todos os espazos abertos coma o malecón. Unhas e outras chegaban en enormes bandadas e, ano tras ano foron desaparecendo.
De aqueles vellos camións quédame a lembranza do de Manolo “O Carneiro” e a “camioneta” de lixivias “La Carrula”, que Nieto conducía con singular mestría pola estrada de Ribeira a Castiñeiras.
Relembranzas…



