O Auditorio Municipal acolleu dous coloquios sobre o labor da Fiscalía e a Querela Arxentina, nun acto que puxo o broche final á Semana da Memoria Democrática no Barbanza.

O Auditorio Municipal de Rianxo acolleu este sábado a xornada Xustiza e Memoria Histórica Democrática, unha iniciativa organizada polo Concello e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) do Barbanza que contou coa intervención inaugural de Dolores Delgado García, fiscal de Sala coordinadora de Dereitos Humanos e Memoria Democrática da Fiscalía Xeral do Estado.
A apertura institucional correu a cargo do presidente da comisión, Carlos Cimadevilas, e do alcalde rianxeiro, Julián Bustelo, quen agradeceron a asistencia e puxeron en valor a necesidade de impulsar este tipo de encontros. Na súa intervención, Cimadevilas subliñou que a memoria histórica non pode quedar unicamente no recoñecemento das vítimas ou dos feitos: “É fundamental avanzar na verdade da xustiza e a reparación. A democracia ten unha débeda con todas as familias que tiveron que estar en silencio, e esa débeda non se salda con palabras, require compromiso político e actuacións concretas”.
Un percorrido polas luces e sombras lexislativas
Baixo o título A Fiscalía de Dereitos Humanos e Memoria Democrática, Dolores Delgado abriu o primeiro coloquio afirmando que “a memoria e a xustiza fixeron camiños disociados”. A fiscal realizou unha análise histórica do panorama lexislativo español, contrapoñendo os avances recabados —como a exhumación do ditador do Valle de los Caídos o 24 de outubro de 2019, que definiu como “a culminación de todos os poderes do Estado” ao sacalo “dun mausoleo de exaltación”— cos episodios máis negativos. Neste último apartado lembrou o caso do xuíz Baltasar Garzón en 2008, sinalando que foi “o único que acabou condenado por abrir a porta dos crimes franquistas”, feito que, ao seu xuízo, sentou un precedente disuasorio para outros xuíces.
Delgado concluíu a súa exposición defendendo o deber das institucións de investigar estes crimes, tanto polo dereito individual das vítimas á verdade como polo dereito colectivo do conxunto da sociedade.
A Querela Arxentina e testemuños familiares
Tras o debate aberto co público, a xornada continuou cunha segunda mesa titulada A loita contra a impunidade: a Querela Arxentina. Nela participaron especialistas de recoñecida traxectoria no ámbito xudicial e dos dereitos humanos, como María Encarnación Mayán Santos, Jacinto Lara Bonilla e Irene Álvarez Francés. A sesión completouse cos testemuños directos de familias vítimas do franquismo vinculadas á comisión comarcal.
Con este acto en Rianxo, a CRMH do Barbanza culminou o programa de actividades desenvolvido ao longo desta semana por distintos concellos da comarca con motivo da Semana da Memoria Democrática, unha programación deseñada, segundo explicou Cimadevilas, para recuperar a memoria das vítimas da represión e afondar no coñecemento da historia.



