Os Premios ABE reúnen 250 persoas nunha gala que recoñeceu o talento e a traxectoria empresarial de Boiro

21 Novembro 2026

A Asociación Boirense de Empresas (ABE) celebrou este venres unha nova edición dos Premios ABE, nunha espectacular gala que reuniu 250 persoas na Pousada da Galiza Imaxinaria, completando o aforo do recinto. Foi, en palabras da entidade, “unha noite de recoñecemento, emoción e celebración que volveu situar no centro de atención o talento, o esforzo e a traxectoria das empresas e das persoas que contribúen ao desenvolvemento económico e social de Boiro”.

Contouse coa presenza de máis de 80 empresas asociadas, representadas entre os asistentes, o que, en palabras da ABE, “converteu esta edición nun fito e nunha mostra da unión e da forza dunha comunidade empresarial que sabe recoñecerse, acompañarse e celebrar os seus logros”.

A gala, presentada polo humorista David Perdomo e amenizada musicalmente por Chiña, combinou momentos de humor, historias empresariais, emoción e recoñecemento. Tres nomes propios centraron a noite: Panadería Ourille, distinguida como Mellor Comercio; Mascolor Comunicación, premiada como Mellor Empresa; e Gerardo Triñanes, que recibiu o Premio de Honra ABE 2026.

Daniel García: un discurso que conectou coa historia e co presente da ABE

Un dos momentos máis destacados da gala foi a intervención do presidente da ABE, Daniel García Dosil, que sorprendeu os asistentes cun discurso no que combinou datos, anécdotas e reflexións sobre o espectacular ano vivido pola asociación. Daniel repasou algúns dos principais fitos da actividade da ABE, poñendo en valor o traballo realizado e, sobre todo, as persoas que están detrás de cada iniciativa.

A intervención tamén tivo un espazo para a memoria familiar. O presidente lembrou o seu avó, tamén emprendedor, que reunía cada Nadal os seus 37 netos para contarlles a fábula do raposo e a garza. Daniel adaptou aquela historia ao contexto empresarial, converténdoa nunha reflexión sobre a importancia de colaborar, confiar e avanzar xuntos.

A súa particular reinterpretación provocou unha das maiores ovacións da noite, cunha salva de aplausos que evidenciou a conexión do presidente co público.

Panadería Ourille: unha historia de familia, traballo e continuidade

O primeiro galardón da noite, o de Mellor Comercio, foi para Panadería Ourille.

Manuel Ourille, moi emocionado, lembrou os comezos do negocio e o camiño percorrido ata a transformación e o salto á nova tenda, unha evolución que reflicte o esforzo de toda unha familia por manter viva e facer medrar a súa actividade. Pero a emoción chegou especialmente cando subiron ao escenario as súas dúas fillas, tamén vinculadas ao negocio. Ambas repasaron a historia familiar e o papel que cada xeración foi desempeñando na panadería, nun relato cargado de afecto que conseguiu emocionar boa parte dos asistentes.

Manuel Ourille agradeceu o recoñecemento e destacou o valor de seguir construíndo o negocio en familia, lembrando que detrás dunha empresa hai moito máis ca unha actividade económica: hai unha historia compartida e persoas que a fan realidade cada día.

Mascolor Comunicación: un premio compartido

O premio ao Mellor Empresa recaeu en Mascolor Comunicación. Javier Caamaño recolleu o galardón, nun recoñecemento á súa actividade, á súa capacidade empresarial e á súa contribución ao tecido económico local.

Na súa intervención, Caamaño quixo compartir o premio coas persoas que o acompañan no día a día, agradecendo especialmente o apoio da súa parella, da súa familia e da súa filla.

As súas palabras finais, dirixidas a ela, achegaron un novo momento de proximidade e emoción á gala, lembrando que os proxectos empresariais tamén se sosteñen grazas ao apoio e á comprensión das persoas máis próximas.

Gerardo Triñanes: o Premio de Honra que emocionou a toda a sala

O momento máis solemne e emotivo da noite chegou coa entrega do Premio de Honra ABE 2026 a Gerardo Triñanes, unha distinción concedida por unanimidade pola Xunta Directiva da Asociación.

Empresario, xerente de Astilleros Triñanes e expresidente da ABE, Gerardo representa para a asociación “unha parte fundamental da historia empresarial e asociativa de Boiro”. A súa traxectoria profesional e o seu compromiso co asociacionismo convertérono nunha figura especialmente merecedora deste recoñecemento.

Gerardo repasou a súa carreira profesional e agradeceu o premio, dedicando palabras especialmente afectuosas ás súas dúas fillas, as súas dúas estrelas, e á súa muller, o seu faro, que o acompañou durante toda esta singradura.

A súa intervención, sincera e cargada de sentimento, pechou o capítulo dos recoñecementos cunha fonda ovación dos asistentes.

Unha gala para celebrar o que une ao empresariado de Boiro

A música de Chiña contribuíu a crear unha atmosfera especial. A artista interpretou cancións coñecidas e incorporou referencias ás empresas asociadas nas súas intervencións musicais, facendo que a música tamén formase parte da homenaxe ao tecido empresarial de Boiro.

David Perdomo exerceu de mestre de cerimonias cun estilo próximo, dinámico e cheo de humor, acompañando o desenvolvemento da gala e mantendo a conexión cos asistentes.

A noite completouse cun espazo de convivencia no que non faltaron os pinchos, as conversas entre empresas, as fotografías no fotomatón e numerosas anécdotas que prolongaron o ambiente de celebración máis alá do escenario.

Para a asociación, “os Premios ABE son moito máis ca unha entrega de galardóns, son unha oportunidade para dar visibilidade ao traballo que realizan as empresas ao longo de todo o ano, compartir experiencias, establecer relacións e fortalecer os vínculos entre as persoas que forman parte do tecido empresarial local”.

A entidade quixo agradecer “a presenza e o comportamento exemplar de todas as persoas asistentes, a participación das empresas nas votacións e a colaboración de todas as persoas, entidades e profesionais que fixeron posíbel esta edición”.

“Porque detrás de cada empresa hai persoas, esforzos, historias e proxectos que merecen ser recoñecidos; e detrás dunha comunidade empresarial forte hai unha asociación que traballa para mantela unida”, engadiron dende a ABE.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“22 de noviembre de 1963” – Manuel Domínguez

“22 de noviembre de 1963” – Manuel Domínguez

22 de noviembre 1963. Esa tarde estaba escuchando la radio, de joven muy aficionado a ello. Sobre las 09,30 de la tarde la radio da la noticia, el presidente Kennedy ha muerto. Para un jovencito de corta edad ¿Qué importancia pudiera tener esta noticia? El NO-DO, que...

“Retirada de Medallas ao Mérito no Traballo” – Antón Luaces

“Retirada de Medallas ao Mérito no Traballo” – Antón Luaces

Os galegos Pedro Barrié de la Maza, José Fariña Ferreño e José María González-Llanos figuran entre as sete persoas e unha entidade ás que o Ministerio de Traballo retirará as  Medallas ao Mérito no Traballo polos seus vínculos  ao golpe de estado fascista e...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.