
O Bar Gasset acadou o primeiro posto no Vai de Tapas de Noia 2026 coa súa Tosta de ceviche de langostino con aguacate e mango. Casa Mar da Vila quedou en segundo lugar coa Vieira con crema de coco e limón, e a Taberna do Lelo obtivo o terceiro posto coa súa Tosta de berberecho de Noia e empanada de zamburiñas.

O Concello de Noia e Noia Histórica recuperaron o Vai de Tapas despois de varios anos. Do 6 ao 8 de novembro, quince bares e restaurantes ofreceron unha tapa elaborada para a ocasión a un prezo de tres euros. A ruta coincidiu coa XXVII Mostra de Curtas Vila de Noia, desembocando nunha fin de semana con actividade nas rúas, que contribuíu a encher os locais da vila.

A concelleira de Cultura, Chelo Martínez, fixo un balance positivo da fin de semana: “Deu gusto ver tanto movemento en Noia. Podías saír dunha proxección da Mostra e quedar despois a probar algunhas das tapas. Ambas actividades complementáronse moi ben e a xente respondeu”, destacou.
Entre as persoas que votaron sorteáronse catro bonos de 50 euros para gastar nos comercios de Noia Histórica. O concelleiro de Relacións Veciñais, Alfredo Blanco, agradeceu a implicación dos establecementos e a resposta do público: “Quince locais animáronse a preparar unha tapa propia e a xente sumouse á ruta e votou. Os bonos son unha maneira de agradecer esa participación e de facer que o Vai de Tapas teña continuidade nas tendas da vila”, explicou.



