As instalacións, financiadas a través do POS+ da Deputación da Coruña, abrirán este domingo co partido de liga entre o Sporting de Lampón e o CD Artes.

O Concello de Boiro vén de dar por rematadas as obras de remodelación integral e conversión a céspede artificial do campo de fútbol municipal da Mina, situado na parroquia de Lampón. O tenente de alcalde, Luís Ruiz, e o concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, visitaron o recinto acompañados polo presidente e membros da directiva do Sporting de Lampón para supervisar o resultado final dos traballos antes da súa estrea oficial.
A actuación permitiu deixar atrás o antigo terreo de xogo de árido para dar paso a unha superficie de céspede artificial de última xeración. O novo rectángulo conta cunhas dimensións de 100 por 56 metros e está homologado tanto para a disputa de encontros de fútbol 11 como para o seu aproveitamento transversal en campos de fútbol 8.
O proxecto, cun orzamento de 973.325,59 euros financiados a través do Plan de Obras e Servizos (POS+ Concellos) da Deputación da Coruña, non se limitou á substitución da superficie, senón que abrangueu a renovación de todo o complexo:
- Infraestrutura do terreo: Executáronse novas bases e pavimentos, xunto coa instalación dun sistema de drenaxe e unha rede de rego para garantir a óptima conservación do céspede.
- Seguridade e accesos: Substituíuse o anterior muro de bloque por un novo peche perimetral, colocáronse redes parabalóns e melloráronse tanto os accesos para o público como as entradas destinadas aos labores de mantemento.
- Servizos complementarios: De xeito paralelo, o goberno local acometeu a mellora da iluminación do recinto e o acondicionamento das bancadas, os aseos e os vestiarios.
Estrea oficial este domingo
Con este investimento, o executivo boirense avanza na modernización da súa rede de equipamentos deportivos, poñendo o recinto ao servizo tanto do Sporting de Lampón como do resto de entidades deportivas do municipio e da escola municipal de fútbol.
A estrea oficial do novo céspede terá lugar este mesmo domingo, 22 de novembro, ás 17:30 horas, coa celebración do partido de liga que enfrontará o Sporting de Lampón e o CD Artes. A partir do luns 23, o complexo quedará plenamente operativo e a disposición do departamento municipal de Deportes para acoller as sesións de adestramento e os encontros dos distintos clubs locais.



