
Alberto Núñez Feijoo, candidato do PP á presidencia do Goberno español é moi probablemente a “deretiña” que quixo ser e non foi quen de romper o valo que ergueu na Academia da Tv. o actual inquilino do palacio da Moncloa, Pedro Sánchez.
María Casado, presidenta da Academia que organizou o debate a dous transmitido en directo por distintas cadeas de radio e televisión na noite do xoves pasado, foi un árbitro que non sei se non quixo pero sí que non moderou nin unha miguiña ese “encontro” a dous convertido nunha sopa de fideos enliados por un “cociñeiro” que saiu convencido de que gañara por metros e metros. O seu, o de María Casado, foi o papel dun reloxio (marcando o tempo) pero sen saber ou sen querer intervir como moderadora en circunstancias que obrigaban, de certo, a chamar a atención ao candidato Feijoo que, no seu afán de convencer, asoballaba sen xeito ao seu contrincante. Aquilo non foi un debate. E, tendo en conta que previamente a este, se repartiran os tempos de intervención de cada contendente, Alberto Núñez Feijoo levou a maior parte del coa aquiescencia de María Casado.
Para min non houbo un gañador. Houbo, sí, un candidato -Pedro Sánchez- que sorprendeu a propios e estranos cun par de peticións de perdón e outro par de propostas de colaboración, e que gardou un silencio incomprensible para moitos mesmo en materias que domina optando por achantarse diante de quen, evidentemente, xogaba a priori un papel á contra sabedor de que os seus argumentos non serían creíbles máis alò do que o poden ser os bulos.
Os entendidos na materia falan de que os silencios e renuncias ao debate de Pedro Sánchez foron produto dunha estratexia para acarrexar á súa mochila electoral os votos dos indecisos e os dos electores máis “centrados”, dando por descontado que xa ten na súa conta aos da esquerda.
Pode ser. Mais o socialismo “de a pé” está desconcertado. Pedro Sánchez vai ter que laborar arreo no seu manual de resistencia para recuperar unha ilusión que, seguramente, non está perdida pero sí tocada.
E María Casado, a facer un curso de meditación sobre como moderar debates políticos. Por moi presidenta que sexa da Academia de Televisión.


