
Este domingo 22 de novembro o Auditorio Municipal de Rianxo vai ser o escenario da representación de Mulleres que viven soas, da agrupación Berrobambán Teatro, unha función encadrada no circuíto de igualdade da Deputación da Coruña.
Dará comezo ás 19.00 horas e será de balde ata completar a capacidade do aforo (con recollida de convites dende unha hora antes do comezo da función, máximo 2 por persoa). Trátase dunha obra para maiores de 16 anos duns 75 minutos de duración.
A obra está protagonizada polas tres bruxas que profetizan o ascenso de Macbeth ao trono na peza de Shakespeare: tres bruxas que encarnan os males deste mundo e que nos serven de referencia para nos rir da diferenza entre como o mundo ve (ou conta) as mulleres e como elas se senten dentro das súas casas.
Estamos ante un espectáculo híbrido entre o teatro documental, a standup comedy e o teatro isabelino, interpretado por tres das contadoras de historias máis relevantes do país: Paula Carballeira, María da Pontragha e Vero Rilo.
Mulleres que viven soas é unha coprodución de Berrobambán e o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo.
Dramaturxia: Paula Carballeira a partir de textos de Xiana Arias, María da Pontragha e Vero Rilo
Dirección: Nuria Sanz e Chiqui Pereira
Elenco: Paula Carballeira, María da Pontragha e Vero Rilo
Escenografía e iluminación: Montse Piñeiro
Vestiario: Lola Armesto
Espazo sonoro: Xiana Arias
Selección de cantigas: María da Pontragha
Imaxe gráfica: Nadina – Gráfica
Fotografía: Charo Lópes
Gravación: Miriam Rodríguez
Produción: Chiqui Pereira
Distribución: Urdime
[Imaxes: Charo Lópes]



