Os traballos, encargados á empresa Vicente de la Fuente, S.L., permitirán desmontar ambos os accesos para intervir en taller sobre a madeira e as pezas de forxa orixinais.

O Consorcio de Santiago adxudicou á empresa Vicente de la Fuente, S.L. as obras de restauración da porta principal de acceso á igrexa de Santa María de Conxo e da porta interior que dá paso á Capela do Cristo. A intervención, cun orzamento de 49.734,15 euros (IVE incluído), ten como finalidade asegurar a conservación de dous elementos singulares deste conxunto patrimonial que presentan danos derivados do paso do tempo, do uso continuado e das condicións ambientais.
Segundo informou o organismo interadministrativo, ambas as estruturas serán retiradas dos seus emprazamentos para seren tratadas en taller antes de volver instalarse nos seus respectivos accesos unha vez concluída a posta a punto.
Na porta principal do templo, a actuación centrarase en corrixir os desaxustes estruturais que actualmente dificultan a súa apertura, reparar as pezas de madeira deterioradas e restaurar tanto as ferraxes como os elementos de forxa, respectando os materiais orixinais para mellorar a súa funcionalidade e estado de conservación.
Pola súa banda, na porta interior da Capela do Cristo intervirase especialmente na parte inferior do cerramento, que se viu afectada polas modificacións levadas a cabo no pavimento durante obras anteriores. Os labores nesta peza consistirán na reparación das zonas danadas e na incorporación de novos elementos elaborados en madeira de castiñeiro.
Con este proxecto, o Consorcio de Santiago dá continuidade á súa liña de conservación e posta en valor do patrimonio histórico, artístico e arquitectónico compostelán, ao tempo que fomenta a preservación e transmisión dos oficios tradicionais ligados á carpintería, á forxa e á restauración de bens culturais.



