
O Concello de Noia conmemorará o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres cun programa que implica os centros educativos, as farmacias e os espazos culturais da vila. O acto central será o mércores 25 de novembro, ás 11.45 horas, coa lectura da declaración institucional diante do Coliseo Noela. Participará alumnado de secundaria dos centros educativos e gardarase un minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero.
“Queremos que o 25N estea presente nos lugares polos que pasa a vida da vila, desde as aulas ata as farmacias. A prevención comeza cando aprendemos a recoñecer a violencia, tamén cando se manifesta en forma de control ou de medo”, sinala a concelleira de Igualdade, Chelo Martínez.

A campaña de sensibilización Noia di non á violencia de xénero desenvolverase nas farmacias da vila. O Casino de Noia acolle, do 13 de novembro ao 7 de decembro, a exposición Ecos de Kim, do alumnado do IES Virxe do Mar. Ademais, a Casa do Concello iluminarase de cor morada do 20 ao 29 de novembro.
O luns 23 de novembro, Montse Fajardo impartirá a charla O Padroado de protección ás mulleres: a institucionalización da violencia contra as mulleres no Coliseo Noela, dirixida ao alumnado de 4.º da ESO e 1.º de Bacharelato. Ás 20.30 horas ofrecerá unha segunda sesión, aberta ao público xeral, no Casino de Noia.
O martes 24, o alumnado de Educación Infantil dos centros educativos participará no contacontos teatralizado Daniel e Daniela.
O mércores 25, ademais da lectura institucional e do minuto de silencio, haberá un photocall baixo o lema Noia di non á violencia de xénero. Entre as fotografías participantes sortearanse seis vales de 50 euros. Ás 19.00 horas, o alumnado do IES Virxe do Mar lerá poemas da exposición Ecos de Kim no Casino de Noia.
“O minuto de silencio é un momento para lembrar as vítimas. Tamén queremos que quen estea a vivir unha situación de violencia saiba que pode pedir axuda e que en Noia ten un lugar ao que acudir, o Centro de Información á Muller”, engade Martínez.
O sábado 5 de decembro, Metanoia Arte Suave impartirá unha actividade de nocións básicas de defensa persoal no antigo Ximnasio Muiños. Haberá unha quenda de 11.00 a 12.00 horas para persoas de 10 a 15 anos e outra de 12.00 a 13.00 horas a partir dos 16 anos. O prazo de inscrición remata o 3 de decembro.
O domingo 13 de decembro, o Casino de Noia acollerá un obradoiro de defensa persoal para mulleres, de 10.00 a 14.00 horas. O prazo de inscrición remata o 10 de decembro. As inscricións para ambas as actividades tramítanse no Centro de Información á Muller (CIM), no 981 828 011 ou en cim@concellodenoia.gal.
A programación pecharase o sábado 19 de decembro, ás 20.00 horas, coa representación de As damas de Ferrol, de Teatro Noroeste, no Coliseo Noela. A función forma parte do Circuíto en Igualdade da Deputación da Coruña e a entrada será gratuíta ata completar a capacidade da sala.



