A Casa da Cultura de Outes vai ser o escenario este venres 20 de novembro da presentación no concello do libro Sempre Lela, de Esther Piñeiro. Será ás 20.30 horas, con entrada libre. Contarase coa presenza da autora e do tamén escritor e poeta Manuel L. Rodríguez.
Publicado pola Editorial Toxosoutos, Sempre Lela é un poemario que segue a liña da súa anterior obra, Anacos dunha vida.
Esther Piñeiro, natural de Beluso (Boiro), reflicte nos seus poemas experiencias vitais marcadas polas tristuras, os desencantos e as ledicias, así como as súas inquedanzas sobre a nosa terra, a emigración e a decadencia da lingua galega. Un dos fíos temáticos deste novo libro é a perda recente da súa nai.




