As ameazas rexistráronse ao longo deste mércores en colexios e institutos da Coruña, Santiago, Lugo, Pontevedra, Viveiro, Monforte, Ribadeo e A Baña, activando os protocolos dos TEDAX e obrigando a evacuar ao alumnado.

Unha vaga de preto de 80 falsos avisos de bomba recibidos por correo electrónico obrigou a desaloxar este mércores numerosos colexios e institutos de toda Galicia. A situación, confirmada pola Delegación do Goberno e pola Consellería de Educación —que expresou a súa preocupación polo ocorrido e reclamou unha investigación para sancionar aos responsables—, activou un amplo despregamento da Policía Nacional, a Garda Civil, guías caninos e efectivos dos TEDAX.
Segundo explicou o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, o modus operandi garda similitudes co rexistrado días atrás en Italia: os centros recibían un correo electrónico ameazante e as direccións avisaban ás forzas de seguridade, que procedían a cortar o tráfico nas rúas lindeiras e evacuar as instalacións por precaución. As familias foron informadas a través da aplicación Abalar para recoller ao alumnado mentres os axentes revisaban as aulas.
A Coruña e Santiago concentran o groso das evacuacións
A cidade da Coruña foi o punto máis afectado, con 31 centros que recibiron correos de ameaza ao longo da xornada, entre eles Ramón de la Sagra, Otero Pedrayo, A Torre, Prácticas, Compañía de María, Zalaeta, Raquel Camacho, Liceo La Paz, Santa María do Mar, Rosalía Mera, Curros Enríquez, Labaca, Dominicos, Novo Mesoiro, Urbano Lugrís e Escravas. No Centro de FP Paseo das Pontes os TEDAX chegaron mesmo a detonar de xeito controlado unha mochila esquecida no interior, comprobándose despois que pertencía a un relator convidado e que unicamente contiña un ordenador portátil.
En Santiago de Compostela notificáronse avisos en seis centros educativos. Mentres que o IES Arcebispo Xelmírez II e o IES San Clemente foron evacuados pola mañá, os traballos estendéronse á tarde tras alertar do envío de correos o IES do Sar, o IES As Fontiñas, o IES Rosalía de Castro e o CEIP Lamas de Abade. Tamén na comarca compostelá resultou afectado o colexio público da Baña.
Na provincia de Lugo, desaloxáronse a mediodía os institutos Sanxillao e Virxe dos Ollos Grandes, sumándose pola tarde o IES Muralla Romana. A estas incidencias engadíronse dous institutos en Viveiro, un en Monforte de Lemos e outro centro en Ribadeo. Pola súa banda, en Pontevedra rexistráronse dous avisos nos institutos Luís Seoane e Sánchez Cantón, que foron rapidamente descartados polos axentes.
Tras completarse as inspeccións sen atopar ningún artefacto explosivo, todos os centros educativos prevén retomar as clases con total normalidade este xoves.
Complexidade no rastrexo informático
As forzas de seguridade traballan agora para dar coa autoría dos envíos. O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, sinalou que realizar este tipo de campañas masivas por correo é relativamente sinxelo mediante a suplantación de identidades, contas temporais ou o apoio de ferramentas de intelixencia artificial para redactar mensaxes cribles.
Con todo, Suárez advertiu de que determinar a procedencia exacta pode levar tempo, xa que a rastrexabilidade vese dificultada cando as comunicacións se realizan desde outros países a través de múltiples servidores ponte e distintas xurisdicións internacionais.



