Morre aos 88 anos Xosé Luís Méndez Ferrín, figura cimeira das letras galegas contemporáneas

19 Novembro 2026

Poeta, narrador, ensaísta e expresidente da Real Academia Galega, o autor de Con pólvora e magnolias foi proposto en varias ocasións ao Premio Nobel e mantivo durante toda a súa vida unha intensa militancia comunista, independentista e antifranquista.

Mendez-Ferrin-Foto-Zaldi-Ero-Alvarellos

O escritor e intelectual Xosé Luís Méndez Ferrín faleceu aos 88 anos de idade, deixando un baleiro fondo na cultura e nas letras galegas contemporáneas. Poeta, narrador, ensaísta, articulista e profesor, Ferrín está considerado a figura máis destacada da literatura galega do último medio século e foi proposto en diversas ocasións como candidato ao Premio Nobel de Literatura.

Nado en Ourense en 1938, en plena Guerra Civil, pasou a súa infancia entre a cidade das Burgas e Celanova antes de trasladarse coa súa familia a Pontevedra na adolescencia e, en 1955, a Vigo, cidade na que fixou a súa residencia para o resto da súa vida. Foi precisamente na cidade olívica onde entrou en contacto co galeguismo cultural arredor da Editorial Galaxia e onde comezou a espertar a súa conciencia política.

En 1957 desprazouse a Madrid para licenciarse en Filoloxía Románica. Alí fundou en 1958 o histórico grupo Brais Pinto, xunto a outros mozos autores unidos polo galeguismo, o antifranquismo e a renovación estética e cultural. Tras varias viaxes por Europa na década dos sesenta, regresou a Galicia para exercer a docencia primeiro no Colexio Fingoi de Lugo e, desde 1965, como catedrático de Lingua e Literatura Española no Instituto Santa Irene de Vigo, onde tivo como alumno ao seu amigo e compañeiro de militancia Moncho Reboiras.

Compromiso político e loita antifranquista

A traxectoria literaria de Ferrín —recoñecida con galardóns como o Premio Nacional de Literatura, o Premio da Crítica de narrativa e poesía galega, o Otero Pedrayo ou o Trasalba, e encabezada por títulos fundamentais como Con pólvora e magnolias, obra cuxo 50 aniversario reivindicara este mesmo ano o tamén recentemente falecido Xosé Manuel Beiras— estivo sempre ligada á defensa das liberdades e dos dereitos da clase traballadora.

Comunista e independentista, foi cofundador da Unión do Pobo Galego (UPG) en 1964 e participou na creación de Galiza Ceibe en 1979. A súa actividade política valeulle a persecución do réxime franquista, sendo procesado e encarcerado por propaganda ilegal e véndose obrigado a pasar á clandestinidade en 1972, coincidindo coa folga xeral de Vigo. Xa en democracia, militou na Fronte Popular Galega (FPG) —integrada en Anova en 2012— e concorreu en 2009 ás eleccións ao Parlamento Europeo na candidatura de Iniciativa Internacionalista – A Solidariedade entre os Pobos.

Paso pola Real Academia Galega

No eido institucional, Xosé Luís Méndez Ferrín ingresou como membro de número na Real Academia Galega (RAG) o 30 de setembro de 2000. En 2010 asumiu a presidencia da institución, cargo que ocupou ata 2013, ano no que decidiu abandonar a dirección e renunciar tamén á súa condición vitalicia de académico. Co seu pasamento despídese unha voz imprescindible que vertebrou a modernización da literatura galega e o compromiso cívico durante décadas.

Outros artigos

“Ameazas de bombas para os escolares galego”. Antón Luaces

Unha trintena de centros escolares públicos e privados galegos recibiron onte, mércores, cadanseu correo electrónico con esta expresiva mensaxe: "Si desea salvar la vida de los estudiantes, abandone el edificio". Con educación e perfecto castelán, mais cun ton...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Pensar doe”.  Xosé A. López Silva

“Pensar doe”.  Xosé A. López Silva

.Hai xa bastantes anos insistíalle eu a un alumno que se atascara nunha tradución do latín: «Pensa, pensa!». O rapaz moveu a cabeza e, ao cabo duns segundos, estoupou, o pobre: «Pensar doe, profesor!». Durante moito tempo contei aquela resposta como unha simple...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.