.Hai xa bastantes anos insistíalle eu a un alumno que se atascara nunha tradución do latín: «Pensa, pensa!». O rapaz moveu a cabeza e, ao cabo duns segundos, estoupou, o pobre: «Pensar doe, profesor!». Durante moito tempo contei aquela resposta como unha simple anécdota de aula. Estaba a ser inxusto co rapaz. Hoxe véxolle cada vez máis razón.
Deixámonos a pel no ximnasio para gañar músculo, pero rara vez lle pedimos á cabeza un esforzo semellante e de continuo. Pensar esixe máis esforzo do que se cre e, ademais, pode perturbarnos moito. Abonda con mirarse un anaco ao espello. Se un contempla en penumbra o seu propio rostro durante uns minutos, acaba por ver unha cara deformada ou allea, ás veces a dun familiar morto ou a dun monstro. Un psicólogo italiano estudouno en laboratorio hai uns anos, e hoxe circula pola rede como un xogo de medo para adolescentes e non tan adolescentes. Non lles recomendo que o fagan. Nas casas galegas os espellos tapábanse cando había un defunto —eu, que son neto de funerario, vin cubertos uns cantos—, e cónstame que aínda hoxe hai quen se nega a meter baixo o seu teito un espello alleo, por se conserva algo ou alguén pertencente a esoutro fogar do que chegou.
Algo semellante ocorre cando pensamos de veras, cando profundamos, como dicía o barbeiro de sábado de Castelao, que se laiaba de non poder profundar máis porque non sabía latín. As certezas desdebúxanse, e o que emerxe no seu lugar non sempre é grato nin cómodo. Por iso preferimos deixarnos levar. Boa parte dos nosos actos cotiáns son hábitos realizados, por así dicir, «en modo avión»: percorremos o mesmo camiño á mesma hora sen decatarnos, pasamos as horas mirando o móbil sen reter nada e abraiámonos de que o tempo escorregue por riba de nosoutros sen dármonos de conta. Vivir en piloto automático cansa menos.
Refuxiarse na comodidade prométenos unha existencia tranquila, sen sobresaltos. De feito, o gran triunfo tecnolóxico actual —incluída esa intelixencia artificial que celebramos con entusiasmo— radica niso: en delegar o peso do dilema para que outro pense por nós. Os gregos definían o ser humano como un animal racional, pero iso non significa que resulte doado sérmolo. Instalámonos de mellor gana no territorio da preguiza e das emocións. Se nos deixan, máis que homo sapiens tendemos a ser homo emotionalis ou, en broma, homo vagus, que en latín macarrónico se entende mellor. A publicidade hai moito que o comprendeu, apelando sempre ao desexo ou ao medo. Ningún anuncio convida a reflexionar dúas veces sobre o que consumimos.
Non pretendo condenar as emocións. Pregúntome, iso si, se paga a pena renunciar ao pensamento crítico. Un amigo díxome unha vez, a propósito de ter un fillo, que se cavilasen demasiado non o terían, pois a opción estritamente racional era absterse. Tivérono, claro.
Desde hai algúns cursos recoméndolles aos meus alumnos que leven un diario manuscrito como antídoto fronte ás pantallas e como vía para recuperar a lentitude que esixe a letra escrita. Iso é pensar no papel, e vaia se doe. Hai pouco, algúns dos que foron tirando a toalla confesáronme que se sentían aliviados. No fondo enténdoos ben e, con todo, na aula sigo a dicirlles «Pensa, pensa!», aínda que saiba como remata o conto de Castelao. O barbeiro morre, e unha das mulleres que facían o pranto dille ante a caixa: «Agora xa non profundas! Agora non profundas porque xa o sabes todo!»



