
UCIN Boiro criticou nun comunicado os últimos cambios aplicados dende a Xunta nas liñas entre Ribeira e Santiago dos que Monbus é adxudicataria, que, segundo o grupo, “están a prexudicar os usuarios que collen o autobús cada día para traballar, estudar ou ir ao médico”. Para a organización, “trátase de decisións tomadas sen ter en conta as necesidades reais de quen depende do transporte público”. Segundo UCIN Boiro, “retiráronse autobuses e paradas e implantáronse servizos directos que só paran en catro puntos entre Ribeira e Santiago; o resultado é que moitos veciños quedan sen un servizo que levaban anos utilizando”.
UCIN di ademais que “os veciños de Escarabote son dos máis afectados, ao non contar con servizo directo e ter que facer transbordo ata Boiro e agardar alí o autobús de Santiago en Cimadevila, tras o traslado da parada que antes estaba xunto ao Concello, un cambio de emprazamento que, lonxe de facilitar a vida aos usuarios, engade máis tempo de espera e máis incomodidades”.
O grupo engade que a situación agrávase na volta: “Suprimiuse o autobús das 14:00 horas e agora a saída é ás 15:15, cun percorrido que pasa polos hospitais e que alonga a viaxe de quen só quere chegar a casa”.
“O transporte público ten que estar ao servizo dos veciños, non ao revés”, sinalou Miguel Piqueras, coordinador de UCIN Boiro.
O grupo reclama o seguinte:
· A Monbus e á Xunta de Galicia, que revisen estas modificacións e recuperen os horarios, as paradas e as conexións que se eliminaron.
· Que defendan os seus veciños ante as administracións competentes.
· Que se escoite a quen utiliza o autobús a diario antes de tomar novas decisións que afecten á súa mobilidade.
UCIN Boiro anima todos os afectados a presentar a súa queixa, “porque cantas máis reclamacións se rexistren, máis difícil será ignorar o problema”.
As reclamacións poden facerse na sede electrónica da Xunta (mediante a solicitude xenérica PR004A), en Monbus (canles de atención ao cliente) e nos concellos (por rexistro, para que tomen partido).



