A Casa da Cultura de Outes acolle unha exposición de maquetas elaboradas polo veciño da localidade, coñecido como Carrapoto, que se pode visitar dende o 26 de outubro ao 30 de novembro, de luns a venres de 09:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas. Sábados de 11:00 a 13:00 horas.
Ademais, sábados e domingos en horario de apertura de actividades culturais programadas.

Esta exposición recolle o traballo e a dedicación dun afeccionado ás maquetas que comezou esta actividade durante a pandemia, buscando unha forma de entretemento e de aproveitar o tempo libre facendo algo que lle gustaba. Co paso do tempo, levou mais alá a súa afección, realizando investigacións co obxecto de reproducir o máis real posible os distintos elementos do patrimonio da contorna máis próxima, así como outros que lle son atractivos.

Na exposición pódense ver arredor de 20 elementos do patrimonio outense en diferentes tamaños, todos feitos en madeira e materiais de refugallo. Entre as obras expostas destacan varias igrexas da zona como as de San Pedro de Outes, Santa María de Entíns, San Lourenzo de Matasueiro, San Xoan de Roo. Tamén podemos ver outras como a Ponte Nafonso, barcos de diferente formato, e unha carabela impoñente, hórreos, artesa, carros de vacas,…, ademais dunha maqueta da propia Casa do Concello.

A mostra tamén inclúe outras pezas, aínda que non están relacionadas co patrimonio, forman parte da historia como unha dilixencia, un muíño de vento ambientado na literatura de Cervantina, un carrusel …

En palabras da Área de Cultura do Concello, “esta exposición é unha oportunidade para coñecer e valorar o patrimonio cultural de Outes e da súa contorna a través do traballo artesá e coidadoso do veciño Carrapoto”.



