
Poño uns exemplos e clarexo que, para aqueles que non o saiban, a miña vida profesional sempre se desenvolveu na radio pública: RCE (Radiocadena Española) e RNE (Radio Nacional de España), con colaboracións máis ou menos extensas no tempo nos xornais El Ideal Gallego, El Correo Gallego, La Opinión-Faro de Vigo, Atlántico Diario e La Voz de Galicia e durante uns meses na TVG. Foron, como o lector se imaxinará, moitos anos de tarefa nos medios que se iniciaron en Ribeira (Emisora parroquial) e rematei na Coruña en RNE, dende desde a que manteño esta serie de “entregas” de O Barbanza que, en grande medida, me permite curar a saudade que calquera pode sentir após a súa xubilación.
Radiofonicamente falando tiven responsabilidades de dirección territorial en RCE-Galicia e RNE-Galicia, o que me permitiu coñecer a fondo os riscos que os medios de comunicación han correr cada vez que se produce a convocatoria de eleccións en calquera das vertentes municipal, autonómica ou nacional e a responsabilidade que, a este respecto, recae na dirección dos medios (que non é pouca).
Todo este preámbulo, lector amigo, para amosar agora o meu asombro diante do que acontece co devir desta campaña electoral acaba de comezar na que o insulto e a descualificación do contrario están á orde do día na percura deses votos que permitan gobernar en solitario ou co apoio de partidos máis ou menos afíns.
É necesario verdadeiramente chegar a este escenario mentando -para mal- ás nais e pais dos candidatos presentados polos partidos para gobernaren no nome de todos o que din representar, recorrer á IA, aos “memes”, ás alpurnadas e bulos, para tentar situarse-de entrada- en postos cimeiros que non sempre levan ao obxectivo final que non é outro que chegar como sexa ao remate da carreira?
Existen normas establecidas, ata o de agora respectadas, que sancionan aos incumpridores das mesmas e, polo que sexa, o encargados de facelas cumprir semellan descoñecelas. Ou será que non teñen interese en aplicar esas normas depende segundo cal sexa o partido que as cometa?.
Nunca tal vin en tantos anos de exercicio profesional. Imaxina o lector cal sería a reacción diante deste tipo de actuacións con Manuel Fraga Iribarne, Xosé Manuel Beiras e Geluco Guerreiro coma candidatos dos seus respectivos partidos a un escano no Congreso dos Deputados ou, por poñer, no Parlamento galego?
A min fáiseme imposible pensalo.
Que estamos a facer logo?. Algo està mal e non queremos velo, ou?


