Fóra da casa tronaba e os tronos escoitábanse nos cuartos, na cociña e no escritorio. No curral e nas
cortes do gando, moito máis, metían medo. O son dos tronos entraba na casa polo teito e polas
ventás de madeira, polas regañas das portas, polos ouvidos da xente e polo sentir daquela xente
amedrentada, case morta de medo. Tronaba e chovía sen parar. Era unha situación perigosamente
arriscada, invadida polo barullo, polo medo á nada. A esa nada que se achegaba e deixaba á xente
sen fala, sen capacidade de falar e, polo tanto, sen comunicación e sen mirada. Todo era verde
escuro ou negro.
Decontado, naquela negrura desacougante e infinita, soa a campá. Unha campá de bronce, como as
do obradoiro Ocampo de Arcos da Condesa, centenario e milagreiro dende a súa orixe, coa mesma
guía de construción do seu fundador, a principios do século dezasete. Ao soar esta campá recorda os
tempos pasados, enumera as súas funcións de aviso e acompañamento, resoa de novo e envolve, co
son e o aire, as miradas e o pensamento dos presentes. É arte, é memoria e é reflexión do que
fomos e podemos ser outra vez.
Ver as campás penduradas dos campanarios é unha verdadeira ledicia. Se miras para elas e as
escoitas (aínda que non toquen) tes a impresión de que estás na parroquia falando coa xente, vendo
á xente, escoitando o falar da xente que cala, ouvindo aos mortos que respiran no camposanto e
apalpando o son coas dúas mans. Estas escoitando o “dan darán”.
Tamén os políticos andan en plena acción co “dan e dan”. Escoitan tocar a campá e alá van correndo
e falando, prometendo, anunciando e insultando. Hai quen di que, nestas épocas electorais, os
aspirantes a algún cargo (ou a mantelo), a algún nomeamento ou á nada, andan asubiando e
outeando por baixo dos campanarios, como se a xente non tivera que facer.
Uns din que si e os outros arrancan inmediatamente e din que non. Aí está un dos problemas dos
que teñen a política como a súa profesión. En verdade, non parecen desta terra, onde a cidadanía
sabe que, antes de opinar, cómpre pensar, reflexionar, escoitar e interpretar. Despois, a mesma
cidadanía é a quen lle corresponde decidir. E, como di a Tía Manuela, “nas eleccións vindeiras, aínda
que non lles guste, decidiremos nós”.
Aguiño volve quedar cun só médico no centro de saúde tras apenas un mes de normalidade e reactiva as protestas veciñais
A Área Sanitaria de Santiago e a Barbanza garante a asistencia mediante o reforzo dun facultativo en prolongación de xornada dous días á semana, mentres a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública retoma as concentracións ás portas do ambulatorio. O centro de saúde da...



