O Museo Marea (O Son) inaugura a vindeira semana unha mostra sobre as mulleres do mar de Galicia e El Salvador: A unión fai a forsa

12 Novembro 2026
Fotografías: Puraquiteria.

A Asemblea de Cooperación pola Paz en Galicia vai inaugurar este martes 17 de novembro (ás 19.30 horas) no Museo Marea do Porto do Son (o museo da memoria mariñeira local) a exposición A unión fai a forsa, unha mostra sobre as mulleres do mar de Galicia e El Salvador. A proposta poderá verse ata o 18 de novembro.

Estará formada por fotografías, testemuños, ferramentas de traballo, cianotipias e elementos sensoriais que achegarán ao público as historias e os saberes das mulleres vinculadas á pesca e ao marisqueo artesanal.

A inauguración coincide coa visita a Galicia de tres mulleres representantes de federacións pesqueiras de El Salvador, nunha experiencia de intercambio con mulleres do mar galegas.

Na mostra porase o foco no que teñen en común as mulleres do mar de Galicia e El Salvador: a relación co mar, os saberes transmitidos de xeración en xeración, a capacidade de organización e moitos retos compartidos.

A exposición dá continuidade ao traballo iniciado en Galicia e El Salvador e propón “unha nova forma de achegarse ás realidades das mulleres do mar”.

A iniciativa nace do encontro de dúas propostas: Elas deciden, en Galicia, e Abraza tu Mar, en El Salvador. Dous procesos que conectan mulleres vinculadas á pesca e ao marisqueo artesanal de ambos os territorios, poñendo en valor os seus coñecementos, as súas experiencias e a importancia do seu traballo nas comunidades costeiras. Desde as redeiras galegas ata as curileiras salvadoreñas, a exposición amosa a diversidade de tarefas e experiencias que forman parte da vida arredor do mar.

A exposición tamén pon o foco na capacidade das mulleres para organizarse, defender os seus dereitos e impulsar iniciativas propias.

“Porque falar do mar é falar tamén de identidade, comunidade, sustentabilidade e futuro, e porque, malia a distancia que separa Galicia e El Salvador, hai experiencias, aprendizaxes e reivindicacións que as conectan”, sinalan dende a Asemblea.

Como dixemos, a inauguración enmárcase na visita a Galicia de tres mulleres representantes de diferentes federacións vinculadas á pesca artesanal salvadoreña. Durante a súa estadía, están a coñecer experiencias de redeiras, mariscadoras e outras iniciativas do sector pesqueiro galego, nunha axenda de encontros que busca favorecer o intercambio de coñecementos e fortalecer as redes de colaboración entre as mulleres e as súas organizacións.

A iniciativa está impulsada pola Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP), en colaboración coa Asociación Fundación para la Cooperación y el Desarrollo Comunal de El Salvador (CORDES), e conta co apoio financeiro da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia.

No seu desenvolvemento en Galicia tamén colaboraron Cidadanía S. Coop. Galega e Puraquiteria, na dinamización dos espazos de encontro e intercambio coas mulleres e na elaboración da proposta gráfica e expositiva. O proceso contou tamén coa participación das Redeiras de Portosín e Mulleres Salgadas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.